ERC debate se manter a dirección ou renovala antes das eleccións europeas
ERC debate se manter a dirección ou renovala antes das eleccións europeas
Joan Tardà pídelle ao partido que non bloquee a investidura de Illa
O PSC péchalle a porta a Puigdemont mentres estuda concesións aos republicanos
A desfeita electoral obriga a Esquerra Republicana a afrontar dous debates paralelos. O máis urxente, o do liderado. Despois dos movementos de Aragonès, dimitindo, e de Junqueras, apostando por continuar, o partido estuda se manter a cúpula ou romper por completo para as eleccións europeas, a unha semana de que empece a campaña.
A outra fronte aberta é a da lexislatura en Cataluña. Negociar co PSC ou manterse á marxe levando a un posible bloqueo. Esa é a postura inicial, pero cada vez máis voces entre os republicanos apostan por facilitar a investidura de Salvador Illa. Entre eles, o deputado Gabriel Rufián ou o exparlamentario Joan Tardà, que defende que Esquerra debe ser determinante na gobernanza e non debe caer na tentación, di, de retirarse aos cuarteis de inverno.
Os socialistas cataláns afirman que respectarán os tempos de Esquerra, e ábrense a negociar con eles a presidencia do Parlamento para chegar a un acordo.
Alicia Romero, a portavoz do PSC no Parlament, di: "Cando se empeza a negociar hai que ceder e imos ver, polo menos, as condicións que poñen".
A quen lle pecha a porta o PSOE é a Puigdemont, tanto desde Cataluña coma desde Madrid.
"En Cataluña abriuse unha nova etapa", di o ministro da Presidencia Félix Bolaños.
"Non imos facilitar unha investidura de Puigdemont nin moito menos", asegura a portavoz do PSC.
O expresidente catalán reuniuse no sur de Francia co seu núcleo duro para definir a folla de ruta co obxectivo de conquistar de novo a Generalitat.