ERC esixe un financiamento para Cataluña fóra do réxime común
ERC esixe un financiamento para Cataluña fóra do réxime común
O PSOE negocia cos republicanos un financiamento singular a cambio de apoiar a investidura de Illa
Carles Puigdemont cualifica de "escándalo" e "chantaxe" vencellar a investidura de Illa co financiamento da comunidade
ERC reitera que a chave da investidura de Illa tena Pedro Sánchez
O presidente do Goberno desatou a polémica ao proporlle a ERC negociar un "financiamento singular" para Cataluña a cambio do seu apoio á investidura de Salvador Illa.
A central do PSOE saíu este luns a defender a proposta do seu líder. Segundo a súa voceira, Esther Peña, "o PSOE é un partido que ten palabra e cumpre os seus compromisos". Apunta ademais, que o financiamento singular para Cataluña "non é unha novidade porque xa aparecía no compromiso de investidura"
Dende Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE, asegura que "nunca se formulou un financiamento singular a dous", senón unha reforma "onde teñen que estar todas as comunidades autónomas".
Pero ERC non o ve así, e acláralle ao PSOE os termos da negociación. "Financiamento singular é sair do réxime común, queremos deixalo claro, é ter a chave da caixa, poder recadar o cen por cento dos impostos que se xeran en Cataluña", dixo en conferencia de prensa a súa voceira Raquel Sans.
O líder de Junts, Carles Puigdemont, arremete nas redes contra o PSOE. Cualifica de "escándalo" e "chantaxe" supeditar o financiamento de Cataluña a que Salvador Illa presida a Generalitat e volve ameazar con retirar o apoio do seu partido ao Goberno de Pedro Sánchez.
Para Podemos, a proposta é "unha táctica curtopracista", mentres que si a defende o socio da coalición. Sumar reclama unha actualización xeral do sistema e aí, di o seu voceiro Ernest Urtasun, "é lóxico que Cataluña teña a súa singularidade".
Dende o PP falan de corrupción política por parte de Pedro Sánchez. Juan Bravo, vicesecretario de Economía do PP, asegura que se trata dunha "compra de votos para seguir sendo presidente".
Varios presidentes autonómicos do PP xa anunciaron que recorrerán ao Constitucional calquera acordo de financiamento bilateral con Cataluña que rompa a solidariedade entre os territorios.