ERC insiste en que a amnistía xa está pactada co PSOE
ERC insiste en que a amnistía xa está pactada co PSOE
Os socialistas aseguran que o acordo para a Mesa do Congreso non inclúe a amnistía
Yolanda Díaz reunirase cos axentes sociais de Cataluña tras a investidura de Núñez Feijóo
Este mércores, o presidente de ERC insistiu en negociar un referendo de autodeterminación porque a amnistía xa a dá por pactada co Goberno central dende hai un mes. Para Oriol Junqueras, "é evidente que a amnistía se inclúe nestas vías legais necesarias ás que o PSOE xa se comprometeu a cambio da constitución da Mesa do Congreso".
Pero os socialistas van ao texto: a palabra amnistía non aparece en tal acordo. "Ese papel di o que di, e non di o que non di", asegurou o ministro de Cultura e Deporte en funcións, Miquel Iceta, ao tempo que recoñece que "en moitas conversas, e non é de agora, estamos falando de intentar poñer fin á xudicialización dun conflito que ten raíces políticas".
Mentres tanto, María Jesús Montero, ministra de Facenda en funcións, asegura que os socialistas seguen "dialogando e traballando con discreción".
O PSOE quere manter esa discreción ata que o Rei lle encargue a Pedro Sánchez a investidura. Nese momento, o socialista di que falará claro sobre as negociacións e a amnistía, e a líder de Sumar, Yolanda Díaz, viaxará a Cataluña para manter "contactos, que van ser uns públicos e outros non, coa representación dos axentes sociais en Cataluña".
Pola súa parte, Junts mete presión coas demandas económicas. Cifra en 450.000 millóns de euros a débeda do Estado con Cataluña, e por iso pide que se lle perdoe parte da débeda que ten co FLA e que a Generalitat recade todos os impostos.