Erdogan encabezaría, cunha lixeira vantaxe, o escrutinio nas presidenciais turcas
Erdogan encabezaría, cunha lixeira vantaxe, o escrutinio nas presidenciais turcas
Non tería unha maioría clara, conforme os medios turcos, para evitar unha segunda volta
O líder opositor Kemal Kiliçdaroglu asegura que nos resultados provisionais estaría "en cabeza"
Votaron 64.199.651 persoas, o que supón unha participación do 88,3 por cento do censo electoral turco
O presidente de Turquía, o islamita Recep Tayyip Erdogan, encabeza cun 52 % dos votos o escrutinio das eleccións presidenciais en Turquía, cando se abriron xa a metade das urnas, segundo informa a axencia oficialista Anadolu.
Segundo eses datos, aínda preliminares e non oficiais, Erdogan, que leva dúas décadas no poder, gañaría as súas terceiras eleccións presidenciais e seguiría no cargo cinco anos máis.
O candidato do bloque opositor, o socialdemócrata Kemal Kiliçdaroglu, obtería o 42 %. Con todo, conforme avanza o reconto, a diferenza entre os dous candidatos foise reducindo. Se ningún logra a maioría absoluta, celebrarase unha segunda volta en dúas semanas.
De feito, o CHP, o partido de Kiliçdaroglu, asegura que os datos de que dispón indican que o seu candidato vai gañando.
Ekrem Imamoglu, alcalde socialdemócrata de Istambul, denunciou nunha intervención ante os medios que os datos de Anadolu non son fiables e afirmou que, coa información de que dispón o partido, Kiliçdaroglu "será declarado presidente esta noite".
"Imos por diante", sinalou o propio Kiliçdaroglu nunha mensaxe na rede social Twitter. Un terceiro candidato, o nacionalista Sinam Ogan, tería o 5 % das papeletas.
O avance do reconto é moi diferente segundo as rexións, e en grandes cidades como Istambul, Ankara e Esmirna, onde a oposición ten máis apoio, é un pouco máis lento que no conxunto do país, polo que os resultados poden aínda variar.
Respecto as eleccións parlamentarias, que se celebran tamén hoxe, a alianza gobernamental que lidera o AKP de Erdogan gañaría co 56 %, aínda que neste caso o reconto de urnas só chega ao 25 %.