Escocia despide a raíña Isabel II cunha capela ardente na catedral de Edimburgo
Escocia despide a raíña Isabel II cunha capela ardente na catedral de Edimburgo
Os oficios celebráronse na catedral de St Giles, coa presenza dos membros da familia real, entre eles o rei e a raíña consorte
Carlos III promete os principios constitucionais ante o Parlamento británico
O rei Xoán Carlos e a raíña Sofía asistirán ao funeral de Estado por Isabel II
Filipe VI e a raíña Letizia coincidirán cos reis eméritos no funeral por Isabel II
Este luns á tarde quedou instalada na catedral de St Giles de Edimburgo a capela ardente cos restos mortais da raíña Isabel II. Alí permanecerá 24 horas para que os escoceses poidan despedirse dela.
As autoridades escocesas pedíronlle á xente que non se deteña fronte ao cadaleito e anticiparon que pode haber moitas horas de espera antes de poder acceder á catedral.
A capela instalouse despois do primeiro dos oficios relixiosos polo seu falecemento e que se celebraron na mesma catedral.
En St. Giles, o reverendo Calum MacLeod oficiou o funeral, ao que foron convidados a ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon, representantes do sistema xudicial da rexión, personalidades destacadas do deporte e a cultura, así como de organizacións educativas e xuvenís.
"Reunímonos para despedirnos da nosa defunta monarca, cuxa vida de servizo á nación e ao mundo celebramos. E cuxo amor por Escocia era lendario", dixo MacLeod á congregación.
Na misa escoitouse música de Johan Sebastian Bach, William Byrd, Henry Purcell e Thomas Tallis.
Ante o Parlamento escocés
Tras este oficio, Carlos III compareceu por primeira vez como soberano británico no Parlamento autónomo de Holyrood en Edimburgo, onde agradeceu aos escoceses o "verdadeiro afecto" mostrado cara á súa nai.
"Sei que o Parlamento escocés e a xente de Escocia comparte comigo o profundo sentido de perda tras a morte da miña querida nai", declarou o rei británico despois de que a cámara aprobase unha moción para expresar condolencias polo deceso da monarca.
A ministra principal escocesa, Nicola Sturgeon, rendeu tributo a Isabel II. A "raíña Isabel, raíña dos escoceses", foi "a áncora da nosa nación", dixo a líder do Partido Nacional Escocés (SNP), que expresou que os escoceses están "preparados" para apoiar ao novo rei.
"A súa maxestade, estamos preparados para apoialo mentres continúa coa súa vida de servizo e continúa edificando o extraordinario legado da súa querida nai", afirmou Sturgeon, que aspira a convocar un novo referendo sobre a independencia de Escocia do resto do Reino Unido en 2023.
Carlos III e a súa esposa Camila voaran a Edimburgo a primeira hora da tarde do luns. O cadaleito da monarca falecida estaba no palacio de Holyroodhouse, no salón do trono deste palacio despois de que fora levado por estrada desde o castelo de Balmoral, no nordés de Escocia.
Desde Holyroodhouse saíu o cortexo fúnebre para dirixirse en procesión ata a catedral de St Giles.
Cortexo fúnebre
Por detrás do féretro, cuberto co estandarte real de Escocia e unha coroa de flores, foron a pé o rei Carlos III, a princesa Ana, o duque de York -Andrés-, e o conde de Wessex -Eduardo-, os catro fillos de Isabel II e o duque de Edimburgo, nun ambiente de respectuoso silencio da xente congregada no lugar.
O coche fúnebre, que avanzou detrás de dous policías montados dacabalo, flanqueado por gardas do Rexemento de Escocia, coas súas saias tartán e as súas boinas escocesas.
Por detrás dos catro fillos da raíña, camiñaba o vicealmirante Tim Laurence, marido da princesa Ana.
O rei levou uniforme cerimonial con rango de mariscal de campo, mentres que a princesa Ana levou o seu uniforme de almirante e o príncipe Eduardo vestiu uniforme de coronel honorario.
Andrés foi o único que non portaba uniforme privado dos seus títulos militares tras ser denunciado por abuso sexual. Un mozo foi detido por increpar ao fillo da raíña durante a procesión.
Máis atrás viaxaban no coche real a raíña consorte, Camila, e a condesa de Wessex, Sofía, esposa do príncipe Eduardo.
Á saída do palacio escoitouse o son dunha gaita mentres o cadaleito era colocado no coche fúnebre.
A ambos os dous lados da avenida Royal Mile, por onde transitou o cortexo, miles de persoas, que desde moi cedo ocuparon os seus lugares detrás das barreiras levantadas pola policía, sacaban fotografías cos seus teléfonos móbiles.
Carlos III saúda a multitude á súa chegada
Antes desta cerimonia, á súa chegada, Carlos III baixou do seu coche para saudar a xente congregada no lugar.
Fronte ás altas reixas que rodean o palacio escocés, milleiros de cidadáns, entre eles algúns turistas, depositaron ramos de flores e tarxetas.
Unha garda de honra do Rexemento de Escocia saudou o rei Carlos III.
O martes, os restos mortais serán levados á capital británica nun avión da Real Forza Aérea (RAF). Será contra ás 18:00, hora galega, cando o cadaleito sexa retirado en procesión da catedral e trasladado ao aeroporto de Edimburgo, desde onde voará ata a base de Northolt, ao leste da capital inglesa, onde ten previsto a súa aterraxe ás 20:00, e desde alí conducido ata Buckingham, onde se depositará para que os membros da familia real e os empregados do Palacio poidan renderlle tributo,
O funeral de Estado terá lugar o día 19 na Abadía de Westminster, xunto ao Parlamento británico.
Carlos III, que foi proclamado oficialmente o sábado, arrincou o seu reinado cunha axenda repleta a raíz do falecemento da súa nai o 8 de setembro aos 96 anos no castelo escocés de Balmoral