Publicador de contidos
Publicador de contidos

Esgotados en menos de quince días os máis de 16.000 bonos turísticos da Xunta

Esgotados en menos de quince días os máis de 16.000 bonos turísticos da Xunta

Preto da metade xa se descargaron no primeiro día e nas primeiras horas emitíronse unha media de 100 bonos por minuto

Os usuarios poderán empregalos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024

Bonos turísticos (Xunta de Galicia) Bonos turísticos (Xunta de Galicia)
G24.gal 16/07/2024 15:55

Este martes descargáronse os últimos bonos turísticos dispostos pola Xunta e que, en quince días, esgotaron as 16.000 unidades ofrecidas polo Goberno galego.

O interese do Bono Turístico da Xunta xa se notou desde os primeiros días, cun centenar de bonos turísticos emitidos por minuto nas primeiras horas e cun balance de preto da metade dos bonos descargados o primeiro día.

Trátase de bonos en formato código QR cun importe de 150 euros, cofinanciados nun 40 % pola Xunta de Galicia e nun 60 % polas persoas que o solicitaron. Polo tanto os particulares aboarán 90 euros para contar cun bono por valor de 150 euros.

Nesta edición, como novidade, cada usuario podía descargar ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300 euros para gozar dunha estancia o próximo outono nalgún dos establecementos que se adhiran. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambas as dúas datas incluídas.

O prazo para que as empresas se adhiran continúa aberto ata o próximo 2 de decembro. Neste sentido, xa forman parte da campaña deste ano máis de 350, entre establecementos de aloxamento e axencias. As empresas interesadas en sumarse poderán facelo tamén a través da páxina web www.bonoturismo.gal.

A iniciativa naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego. Agora estase a consolidar como unha proposta que impulsa a actividade fóra de tempada alta.

Nestes catro anos, indicou a Xunta, puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade