Esgótanse os pases para visitar a praia das Catedrais a primeira quincena de agosto
Esgótanse os pases para visitar a praia das Catedrais a primeira quincena de agosto
Os que queiran visitar a praia terán que esperar ao 15 de agosto, non é ata esa data cando empeza a haber ocos libres
As catedrais segue a ser o motor turístico da Mariña. En temporada alta, como o verán, o acceso está limitado a 4.812 persoas ao día
Dez e media da mañá, marea baixa nas Catedrais, aparcadoiro cheo e moreas de xente desprazándose á entrada ao control de acceso.
Estamos en agosto e a afluencia de visitantes dispárase e é importante facer a reserva con antelación: "Reservamos hai dúas ou tres semanas", comenta unha turista. "Ostras, creo que reservamos hai un mes e medio, onte miramos e xa vimos que non hai pases", di outro.
Algúns xa viviron a mala experiencia de quedar fóra. "Intentamos entrar, pero como non demos collido o pase, había que repetir", di esta muller.
A mesma sorte correrán os que intenten coller un pase para os próximos quince días, na web están esgotados, a única forma de facerse con un é... "Aloxándose nun hotel de Ribadeo ou vindo en taxi desde Ribadeo ou Foz, eles teñen unha porcentaxe de pases reservados", explica Lucía, unha das persoas que está no control de acceso.
Porque ninguén quere perder a visita ao areal. "É unha pasada, a paisaxe, o respecto á natureza, encantounos", di esta moza, esta muller di estar alucinada, e estoutro asegura: "Vimos moitos lugares, pero este é moi orixinal".
Hai quen vén por primeira vez, outros repiten e traen a familia: "Eu son galega, son de Ferrol, e veño cos fillos para que non se esquezan desta terra, que é marabillosa", comenta esta muller. Este mozo lembra a súaa anterior visita: "Acórdome dunha cova, fixeramos unha foto alí, viñemos cun campamento, estivera ben".
Porque visitar as Catedrais sempre é un bo plan.