Publicador de contidos
Publicador de contidos

España desmente calquera implicación nunha operación contra Maduro

España desmente calquera implicación nunha operación contra Maduro

O Goberno venezolano di que España e os Estados Unidos preparaban o asasinato do presidente

As familias dos detidos españois, veciños de Bilbao, denunciaran a súa desaparición 

Nicolás Maduro en Caracas o pasado mes de agosto. REUTERS/Fausto Torrealba
G24.gal 15/09/2024 21:13

Dous españois e un norteamericano están detidos en Venezuela, acusados de estar planeando atentados terroristas contra o presidente Nicolás Maduro e outros dirixentes chavistas.

España, a través do seu Ministerio de Exteriores, desmentiu que estea implicada nunha "operación de desestabilización política" en Venezuela e rexeitou "rotundamente calquera insinuación" ao respecto.

O ministro de Interior de Venezuela e home forte do chavismo, Diosdado Cabello, afirmou que os detidos estaban planificando atentados terroristas contra o presidente Nicolás Maduro e outros dirixentes, co obxectivo último de derrocar o goberno bolivariano.

Os detidos españois son José María Basoa Valdovinos e Andrés Martínez Adasme, naturais de Bilbao, de 35 e 32 anos de idade e que, segundo a súa familia, estaban de turismo en Venezuela e desaparecidos desde o día dous.

Tanto os familiares coma o Goberno español negan que os mozos pertenzan ao CNI, o Centro Nacional de Intelixencia.

O ministro venezolano asegurou que nos teléfonos dos españois atoparon probas que os vinculan coa oposición e cunha operación contra o Goberno. A embaixada española en Caracas trata de acceder aos dous acusados.

Tamén foi detido un cidadán norteamericano, David Estrella, ao que acusan de formar parte do Exército estadounidense e de estar ás ordes da CIA.

Na mesma operación foron detidas outras once persoas. O ministro venezolano dixo que tamén comisaron máis de catrocentas armas de guerra norteamericanas.

A líder opositora, María Corina Machado, que se move na clandestinidade, convocou outra manifestación para o próximo día 28, cando se cumpren dous meses das eleccións presidenciais que afirman que gañaron eles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade