Publicador de contidos
Publicador de contidos

España marca récord de 42,5 millóns de turistas ata xuño, un 13,3 % máis

España marca récord de 42,5 millóns de turistas ata xuño, un 13,3 % máis

O gasto que fixeron os turistas tamén foi de récord: 5.570 millóns de euros

Turistas nos Reales Alcázares de Sevilla (Arquivo Europapress) Turistas nos Reales Alcázares de Sevilla (Arquivo Europapress)
G24.gal 02/08/2024 12:11

España marcou un novo récord de chegada de turistas estranxeiros para un primeiro semestre con 42,5 millóns de persoas, un 13,3 % máis que no mesmo período de 2023, e un desembolso tamén récord de 55.570 millóns de euros (20,6 % máis), segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Só o pasado mes de xuño, España recibiu 9,31 millóns de turistas internacionais (12,1 % máis en taxa interanual), que gastaron 12.373 millóns (un 16,6 % máis).

Neste mesmo mes cada visitante gastou unha media de 1.329 euros, un 4 % máis; e o gasto por día alcanzou 196 euros, un 1,9 % máis en taxa interanual.

A duración da estancia maioritaria entre os turistas foi de 4 a 7 noites (6,78 días de media), con case 4,7 millóns de estancias, e un aumento interanual do 10 %.

Por países de orixe e entre xaneiro e xuño, o Reino Unido mantívose á cabeza, con máis de 8,5 millóns de turistas.

Só en xuño, o Reino Unido foi tamén o principal país de residencia dos turistas, con 2,1 millóns (un 8,8 % máis) e un gasto de 2.493 millóns; seguido por Alemaña, con 1,1 millóns de turistas (un 1,8% menos), e Francia, cun millón de visitantes (un 11,7 % máis).

Neste capítulo, os maiores aumentos en xuño déronse nos Países Baixos, cun 22,7 % de subida interanual, e Italia e Portugal, cun 19,8 % máis, respectivamente.

Por rexións, Baleares foi o destino principal dos turistas en xuño, co 23,6 % do total (6,7 % máis de turistas); seguida por Cataluña (21,5 % do total e un 10,1 % máis) e Andalucía (14,7 %; 18,2 % máis de visitantes).

No acumulado dos seis primeiros meses, as comunidades que máis turistas recibiron foron Cataluña (9,1 millóns, un 12,4 % máis respecto ao mesmo período de 2023); Canarias (7,5 millóns, un 10,6 % máis) e Andalucía (6,3 millóns, un 14 % máis).

A estatística destaca que Madrid presenta a maior porcentaxe de crecemento en chegadas nos seis primeiros meses do ano, cun 20,4 % máis ca no mesmo período de 2023.

O turismo español vai camiño este ano de anotar novos rexistros inéditos, despois de que en 2023 chegaran a España 85,1 millóns de turistas internacionais, que deixaron no país 108.662 millóns, as súas mellores cifras históricas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade