España pide a suspensión do regulamento que veta a pesca de fondo
España pide a suspensión do regulamento que veta a pesca de fondo
Os ministros de Pesca da UE reúnense co comisario en Bruxelas onde España, Francia e Irlanda trasladan a súa protesta contra a decisión
Se non se logra paralizar a entrada en vigor da norma, o ministro Luis Planas di que é "favorable a acudir á xustiza para logralo"
Javier Touza: "O comisario ten unha firme determinación de poñer xa en aplicación o veto"
O primeiro para intentar suspender o regulamento que prohibe a pesca de fondo en 87 áreas costeiras do Atlántico Continental vaise producir este luns en Bruxelas onde se reúne Consello de Pesca da UE.
Os 27 ministros de Agricultura e Pesca da Unión reúnense co comisario de Pesca, Virginijus Sinkevičius, que se vai enfrontar coas protestas de España, Francia e Irlanda contra ese regulamento que veta a pesca de fondo nesas áreas.
España chega a esta reunión, en palabras do ministro Luis Planas, con vontade de negociar pero partindo da idea de que o regulamento debe ser suspendido. "Estamos a favor dun principio de precaución medioambiental, pero se o estamos tamén teremos que ter un principio de precaución respecto da actividade pesqueira", afirmaba o ministro á entrada desa reunión en Bruxelas.
Asegura Planas que non houbo unha consulta pública a todo o sector e o informe científico en que se basea está desactualizado, con datos de 2016, e non ten en conta as novas e diferentes artes, metendo todo no mesmo saco. "Voulle pedir á Comisón que suspenda a aplicación e que proceda a revisalo", afirmou o ministro.
E se a Comisión non suspende o regulamento, "cousa moi probable", cre Planas, España é partidaria de acudir á xustiza europea para logralo. "Tomaremos as medidas que nos parezan oportunas, sen descartar en modo algún, máis ben ao contrario, a miña posición é favorable, recorrer ao Tribunal de Xustiza [da UE (TXUE)] e estamos en consultas cos servizos xurídicos do Estado", concluíu o ministro.
"Se temos base, imos ir ao Tribunal de Xustiza. Téñoo decidido, clarisimamente. Temos que consultar aos servizos xurídicos do Estado, porque eu non quero ir ao Tribunal de Xustiza, eu quero gañar no Tribunal de Xustiza. Por tanto, temos que armar un caso sólido", recalcou.
Planas dixo que, segundo a súa impresión, cóntase con "unha base forte", aínda que insistiu en deixar o caso en mans dos xuristas.
"Por suposto, imos apoiarnos, como sempre, no sector, nas comunidades autónomas máis interesadas. Estamos coordinados con elas", expuxo.
Á marxe do recurso ante o TXUE, dixo que España "mantén abertas todas as opcións de conversar coa Comisión" e cualificou de "un pouco sorprendente" que o Executivo comunitario asegure que a primeira oportunidade de revisar o regulamento será tras a publicación dun novo informe do CIEM en novembro.
Nese sentido, Planas preguntouse se Bruxelas non podería esperar seis semanas para adoptar o peche das áreas pesqueiras "con maior coñecemento e con maior fundamento".
"A Comisión debería ser intelixente. España é o primeiro país pesqueiro da UE. Temos, ademais, a presidencia da UE no segundo semestre do ano que vén e imos celebrar un consello informal en Vigo", apuntou.
Dixo que no regulamento da CE hai "tanto na forma como no fondo graves erros que fan que sexa claramente nocivo para os intereses pesqueiros de España".