Acordo unánime para apoiar "o camiño fiscal" da UE trazado pola presidencia española
Acordo unánime para apoiar "o camiño fiscal" da UE trazado pola presidencia española
Nadia Calviño mantén o obxectivo de que a reforma das regras fiscais comunitarias entre en vigor o 1 de xaneiro
Os Ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea marchan de Santiago co compromiso unánime de apoiar "o camiño fiscal" trazado pola presidencia española.
Tras a xuntanza informal do Ecofin, a vicepresidenta do Goberno celebraba como "un grande éxito" o acordo unánime dos ministros para intensificar os traballos que permitan reformar as regras fiscais.
Nadia Calviño aspira a ter listo o borrador do documento cando se volvan reunir en outubro e que as normas poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2024.
"Pode ser un gran desafío pero a presidencia española está moi comprometida en conseguir este obxectivo, podemos avanzar no que chamamos "a vía de Santiago" ou "o camiño fiscal", así que imos continuar apoiando a presidencia española", asegura o vicepresidente da Comisión Valdis Dombrovskis.
O Cumio remata tamén co compromiso da UE de investir 45.000 millóns de euros en América Latina e no Caribe.
"As reunións de Santiago de Compostela supuxeron un antes e un despois en canto á relación da Unión Europea e o Caribe. Constatamos que xuntos temos un peso para influír en todos os debates internacionais e responder mellor aos desafíos globais".
Di Calviño que foi unha cita "histórica" e moi positiva para a imaxe de Galicia e de España. Representantes duns 60 países, unhas 1.600 persoas pasaron pola cidade.
"Eu estou segura de que moitos van volver (...). Moitos dixéronme que van volver coas súas familias e que este primeiro contacto con Galicia e o descubrimento de Santiago de Compostela os emocionou profundamente".
Traballo intenso
Á súa chegada á reunión informal pola mañá, Calviño salientou que os países traballaron "moi intensamente" durante o verán "cunha ou mesmo dúas reunións semanais" para "ir cubrindo todos os aspectos técnicos" da reforma.
"Cubrimos con ese intenso traballo técnico o 70 % do texto, fóronse pechando eses artigos e agora chega o momento de traballar a nivel político para lograr os consensos necesarios", afirmou en declaracións aos medios.