España e Portugal tentan convencer a Macron sobre a necesidade do Midcat
España e Portugal tentan convencer a Macron sobre a necesidade do Midcat
O presidente francés di que o gasoduto dos Pireneos non ten viabilidade nin ambiental nin económica
O presidente Pedro Sánchez, e o primeiro ministro portugués, António Costa, reuniranse este xoves en Bruxelas co presidente francés, Emmanuel Macron, para tentar convencelo da necesidade de poñer en marcha o denominado MidCAT, a interconexión enerxética pirenaica.
O tres protagonistas da reunión decidiron no cumio de líderes da Unión Europea celebrada a principios de mes en Praga que se verían en París antes do Consello Europeo que se celebra o xoves e o venres desta semana en Bruxelas para abordar ese asunto.
Finalmente, a reunión concertouse na capital belga á primeira hora da mañá do xoves xa que os tres ían coincidir alí horas despois.
O encontro é consecuencia da presión que están a exercer España, Portugal e Alemaña para que Macron acepte a construción da interconexión que permitiría conducir gas e hidróxeno verde a través da fronteira entre España Francia.
Emmanuel Macron persiste en que o proxecto do MidCat non ten viabilidade nin ambiental nin económica.
Esta é a posición que se esforzou en subliñar este mércores o Elíseo na véspera do encontro cos outros líderes que si están interesados no proxecto.
E esta foi a resposta ás insistentes preguntas sobre ese proxecto, que España e Francia abandonaron en 2019, pero que tanto Madrid como Lisboa se esforzan en relanzar.
Francia incide en que o MidCat non serviría para resolver a crise actual porque tardaría bastantes anos en materializarse, custaría varios miles de millóns de euros que non se poderían rendibilizar e constituiría un contrasenso gastar todo ese diñeiro para unha infraestrutura dirixida aos hidrocarburos cando a UE se propuxo deixar de utilizalos antes de 2050.
Ademais, ten moitas dúbidas de que esa infraestrutura puidese ser reversible no futuro para ser utilizada para transportar o chamado hidróxeno verde, producido con enerxías renovables.
O Goberno español subliña que a propia Comisión asumiu que tería financiamento comunitario e insiste en que o MidCat permitiría conducir hidróxeno verde, non só gas.
O primeiro ministro portugués tamén se amosou seguro de que se conseguirá un acordo cos socios europeos para culminar unha interconexión enerxética coa península.
Negociación polo gas noruegués
Doutra banda, O Elíseo confirmou que hai negociacións entre os europeos e Noruega sobre o prezo do gas que exporta ese país nórdico, que se converteu no principal provedor da UE.
Aínda que non hai un calendario para cerrar esas discusións, destacou que "imos pola boa dirección" e que os noruegueses asumen que a situación actual de prezos non é sostible a longo prazo, aínda que tamén realzan que están a facer esforzos para incrementar a súa produción e suplir en parte a subministración rusa.
A capacidade de presión da UE sobre Noruega é maior que cara a outros grandes provedores que exportan gas aos europeos por barco, como Estados Unidos, xa que o gas noruegués chega por gasoduto e a súa capacidade para vendelo a outros mercados é moi limitada.