O petróleo sobe un 6% tras o anuncio do recorte da produción
O petróleo sobe un 6% tras o anuncio do recorte da produción
A OPEP e os seus aliados retiran do mercado 1,6 millóns de barrís diarios
A manobra ameaza con facer repuntar a inflación
A decisión anunciouse o domingo e confirmárona este luns os 27 países que forman a Organización de Produtores de Petróleo e os seus aliados, entre eles Rusia.
Arabia Saudita vai deixar de extraer medio millón de barrís diarios, Iraq recortará a súa produción en 200.000 e os Emiratos Árabes Unidos farán o mesmo con outros 145.000. En conxunto, os produtores retiran do mercado máis dun millón de barrís.
Ademais, Rusia prorroga ata finais de ano a redución de medio millón de barril que comezou a aplicar en decembro.
Con esta manobra, a OPEP tenta revitalizar uns prezos que se dispararan tras a guerra de Ucraína pero que nas últimas semanas estaban mesmo por baixo dos niveis anteriores á invasión.
A redución non se vai executar ata maio, pero nos mercados os efectos xa se están notando: o prezo do barril de Brent, referencia en Europa, subiu este luns ata preto dos 85 dólares, case un 6% máis que o venres. E o mesmo pasou co petróleo Texas, polo que se guían nos Estados Unidos.
A decisión ameaza non só con subir os prezos dos combustibles, senón do resto de produtos da cesta da compra, xusto cando a inflación comezaba a dar sinais de moderación.