Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Conflito de Oriente Medio e o gasto armamentístico, por María Loureiro

OPINIÓN

O Conflito de Oriente Medio e o gasto armamentístico, por María Loureiro

G24.gal 19/04/2024 08:32

Irán levou a cabo un ataque sen precedentes utilizando drons e mísiles contra Israel. Este ataque foi en resposta a un bombardeo previo do consulado iraniano en Siria que se atribuíu a Israel. A Garda Revolucionaria Iraniana confirmou o ataque, afirmando lanzar “decenas de drons e mísiles” cara a Israel. A comunidade internacional está a observar de preto a situación preocupada por unha posible expansión do conflito.

As consecuencias económicas do recente ataque de Irán a Israel son motivo de preocupación para Europa e o mundo en xeral. Os impactos non se fixeron esperar. O prezo do barril de petróleo nestes últimos días está a baixar polo aumento das reservas americanas, pero está preto de 90 $/barril, o que supón un aumento de case o 10 % con respecto ao mesmo período do ano pasado. Por outra banda, o ouro aumentou, considerado un activo refuxio, mantense alto debido á incerteza. A bolsa de valores por agora evoluciona favorablemente, aínda que calquera nova deterioración na rexión podería ter un grande impacto económico a escala mundial. Debemos lembrar que Irán é membro da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) e posúe as terceiras maiores reservas de petróleo do mundo e as segundas de gas. Se a situación recrúa, os prezos do petróleo e as materias primas poderían dispararse.

A medio prazo podemos asistir a un bloqueo do estreito de Ormuz: Irán podería decidir bloquear o acceso a esta ruta estratéxica para o comercio internacional, pola que circula ao redor do 20 % do consumo mundial de petróleo líquido. Isto provocaría problemas de abastecemento mundial, un aumento do prezo do petróleo e unha subida da inflación. En definitiva, calquera escalada podería afectar directamente á economía global. En resumo, a situación é delicada e todos os ollos están postos en Oriente Próximo e Oriente Medio.

A comunidade internacional espera que os líderes busquen solucións para evitar unha escalada aínda maior. Mentres tanto, Israel di estar a se preparar para o perigo dunha guerra en múltiples frontes durante moito tempo. Ampliaron os seus sistemas de defensa antiaérea, como a Cúpula de Ferro (cúpula antimísiles) e desenvolveron continuamente as súas capacidades de ataque. A potencia militar de Israel e Irán é similar en termos globais, pero Israel ten unha vantaxe na súa forza aérea. A maiores, é un dos países do mundo que máis aumentou o seu gasto en defensa, chegando a gastar case un 5 % do seu PIB en defensa. Para contextualizar, os países europeos gastaban en 2022 en torno ao 1.5 % do PIB na industria armamentística, experimentando crecementos moi notorios este ano e chegando ao 2 %, tal como pedira a OTAN. Localmente, isto ten repercusións en estaleiros e empresas do metal que teñen gran carga de traballo. Con todo, o curioso da carreira do gasto armamentístico implica que non por gastar máis estamos máis seguros, xa que o inimigo tamén fai o mesmo, quedándonos relativamente igual de seguros que na situación inicial. Iso non pasa, con todo, cos gastos de diplomacia, en que canta máis diplomacia e máis diálogo, menos guerra, sobre todo se o inimigo tamén fai o mesmo. En resumo, máis diplomacia e menos guerra…!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade