España rexeita a proposta de Bruxelas de considerar enerxías verdes a nuclear e o gas
España rexeita a proposta de Bruxelas de considerar enerxías verdes a nuclear e o gas
O Goberno defende que queden recollidas nunha categoría intermedia, "ámbar", pero non á altura doutras tecnoloxías "sen risco nin dano ambiental"
O Goberno español amosou o seu rexeitamento a incluír a enerxía nuclear e a xeración por gas natural na táboa de clasificación de opcións verdes no marco comunitario, como propón a Comisión Europea.
Defende que queden nunha categoría intermedia, "ámbar".
"Independentemente de que poidan seguir acometéndose investimentos nunha ou noutra, consideramos que non son verdes nin sostibles", salienta a vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.
O departamento de Ribera destaca que é "firme defensora" de lograr a descarbonización da economía e de alcanzar a neutralidade climática en 2050, e considera que nese obxectivo "admitir a nuclear e o gas natural como verdes suporía un paso atrás".
Reclama que non se poden enviar sinais erróneos para a transición enerxética do conxunto da UE. España -asegura- admite que tanto a nuclear coma o gas teñen o seu papel na transición pero "limitado no tempo", polo que hai que tratalas de xeito á parte e non como verdes cando hai outras enerxías chave para a descarbonización e sen risco nin dano ambiental.
A enerxía atómica non emite gases de efecto invernadoiro pero orixina residuos de difícil xestión ambiental. As centrais de ciclo combinado aínda que emiten menos CO que as de carbón, non deixan de estar alimentadas por un combustible fósil.