Un congreso aborda en Santiago estratexias para a descarbonización
Un congreso aborda en Santiago estratexias para a descarbonización
Os Energy Days xuntan máis de 600 especialistas en enerxía chegados de toda España
O vento e a auga xeran máis do 80 por cento da electricidade que se produce en Galicia. Somos potencia en canto aos recursos enerxéticos renovables, pero tamén deficitarios.
"Hai o mantra de que en Galicia producimos moitísima enerxía, pero iso non é exactamente así" explica Pablo Fernández, director xeral de Planificación Enerxética. "Producimos bastante electricidade, pero a realidade é que importamos moita enerxía primaria", engade.
Cifra no 66,4 % a dependencia enerxética do exterior, unha porcentaxe que sobe se falamos de enerxía primaria.
"O 80 % da enerxía primaria de Galicia impórtase de fóra, en forma de gas ou en forma de combustibles petrolíferos", explica o delegado de Iberdrola, Francisco Silva.
O obxectivo a medio prazo é reducir ao 50 por cento a dependencia enerxética do exterior, por iso no foro Energy Days fálase da urxencia de xerar máis enerxía limpa aquí. Ademais diso, buscan estratexias para rebaixar a demanda enerxética, sobre todo nos grandes consumidores.
"Temos que reducir ao máximo o consumo de enerxía na industria, pero mantendo a produción", explica Alejandro González, de Serveo.
Di tamén que a industria está cada vez máis concienciada en reducir emisións e que, ademais de ir substituíndo os combustibles fósiles, impulsan medidas de eficiencia enerxética para rebaixar consumos.
Para axudar a concienciar ás empresas, ponse en marcha o sistema de certificados de aforro enerxético. Explican que os CAES serán como un bitcoin enerxético: gáñanse por eficiencia, por cada quilowatt que aforres dunha enerxía contaminante.
"Por cada kw/hora que poidas aforrar sendo eficiente, teremos unha monetización deses aforros, imos recibir un diñeiro", explica o consultor Santiago González. "E quen o paga? as comercializadoras de electricidade, gas ou derivados do petróleo", engade.
Di que hoxe pagarían arredor de 18 céntimos por quilowatt hora, así que contan que estes CAES impulsen as medidas de eficiencia enerxética. O Inega xa ten 22 solicitudes para acollerse a este novo sistema.