Publicador de contidos
Publicador de contidos

Enerxia para Galicia, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Enerxia para Galicia, por Venancio Salcines

Venancio Salcines 30/09/2024 08:02

A covid mostrounos que fráxiles son as nosas economías cando se rompen as cadeas de produción, a guerra de Ucraína ensinounos que Europa ten un exceso de dependencia dos recursos doutros países. A conclusión desas ensinanzas foi unha nova estratexia económica, que pasa por utilizar os nosos recursos e deixar de depender de terceiros.

Galicia é rica en vento, mar, sol e minerais; somos unha terra rica en recursos e, polo tanto, unha terra que sae con vantaxe na nova orde económica. Pero para aproveitar este novo escenario temos que ter unha estratexia, esencialmente para que os primeiros beneficiados sexamos nós mesmos.

A Xunta ante isto liderou a creación dunha empresa público-privada que ten por obxectivo que os nosos recursos sexan, de verdade, nosos. Como o fará? Entrando no accionariado das empresas que van explotalos e, dende esa posición, marcar estratexias para que poidan chegar ó tecido económico galego.

A primeira das actuacións é a creación dunha comercializadora de electricidade. Aínda non se coñecen os pormenores da súa actuación, pero é previsible que entre como accionista minoritario en parques de renovables e dende esa posición inste o parque a venderlle electricidade a un custo baixo, a cal será revendida a sectores estratéxicos da economía galega. Cales? Aínda non está explicado, pero ao meu xuízo é previsible que será canalizando a enerxía cara ás empresas afincadas nos nosos portos e nos nosos polígonos industriais.

Con esta actuación, Galicia pasa a crear unha estratexia gañadora que con toda seguridade será, en breve, emulada por outras autonomías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade