Os retos para a chegada da eólica mariña, a debate en Ferrol
Os retos para a chegada da eólica mariña, a debate en Ferrol
Máis de 400 expertos acoden ao congreso internacional GOinterHUB, que fai sete edicións
Galicia concentra o 43 % das zonas delimitadas polo Goberno para instalar parques eólicos mariños
A eólica mariña xera hoxe case o 5 por cento da enerxía que consumimos en Europa. Temos 35 xigavatios de potencia, e o obxectivo é chegar polo menos aos 60 en 2030. O reto é acelerar a construción de parques.
"O que construímos historicamente en Europa son 3 ou 4 xigawatts o ano" di Lizet Ramírez, do clúster europeo Eurowind. "Se queremos que os obxectivos se cumpran, esta capacidade ten que triplicarse ou cuadriplicarse", engade.
"Temos uns obxectivos a nivel nacional de que existan de 1 a 3 xigawatts en 2030, son obxectivos moi ambiciosos", di Indalecio González, do superclúster Atlantic Wind, que representa industrias e institucións galegas, asturianas e cántabras.
Galicia pode ter un papel de peso neses obxectivos, porque aquí concéntrase o 43 por cento das zonas delimitadas polo Goberno para a instalación de parques de eólica mariña.
Máis de 400 expertos debaten nun congreso en Ferrol como prepararse para implantala.
"Estamos absolutamente seguros de que se vai implantar a eólica mariña en Galicia e en España, absolutamente seguros", reitera Enrique Mallón, secretario xeral de GOE Asime, organizadora do congreso. "Agora hai que ver en que dimensión, de que maneira e con que impactos", engade.
Aclara Mallón que dende a asociación defenden "absolutamente" a pesca, e que van avaliar "eses impactos e facelos compatibles".
Outro dos retos: a necesidade de formar talento no sector. Dous proxectos europeos detectan que perfís se buscan e que precisan.
"Detectamos demanda en primeiro lugar de xerentes de proxectos de enerxías renovables mariñas, e en segundo lugar o técnico" di Lucía Fraga, representante do proxecto Flores e do Shorewinner. "Xusto estas dúas ocupacións están entre as que menos oferta formativa teñen", engade.
Por iso así preparan material e módulos formativos para cubrir ese déficit.
A industria auxiliar da eólica mariña sostén hoxe 3.000 empregos directos en Galicia, fabricando para parques de fóra. Dende o sector calculan que poderían sumarse 5.000 novos postos directos e 3.000 indirectos se se instalan parques aquí.