Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estados Unidos volve ser membro de pleno dereito da Unesco

Estados Unidos volve ser membro de pleno dereito da Unesco

Os Estados Unidos saldarán a débeda de 619 millóns que acumularon entre 2011 e a súa saída da organización en 2017

G24.gal 11/07/2023 17:14

Estados Unidos volveu ser membro de pleno dereito da Unesco, organismo que abandonara en 2018 durante a presidencia de Donald Trump.

A benvida oficial foi comunicada este martes pola organización da ONU para a Educación, a Ciencia e a Cultura, que xa o pasado 30 de xuño aprobara, nunha conferencia extraordinaria en París, o plan de reingreso inmediato proposto desde Washington, que incluía o pago dunha débeda millonaria que databa de 2011.

"O regreso dos Estados Unidos á Unesco é xa unha realidade: volveron ser oficialmente Estado Membro da nosa Organización", celebrou a directora xeral da Unesco Audrey Azoulay nun comunicado.

"Trátase dunha excelente noticia para a Unesco. A nosa acción será máis forte en todo o mundo", agregou Azoulay.

Con este reingreso  a Unesco pasa a ter 194 membros.

Estados Unidos oficializara a súa intención de volver á Unesco a comezos de xuño, unha proposta que veu acompañada por un plan financeiro que comprendía non só aboar a súa contribución como membro correspondente a 2023, senón un calendario para saldar a débeda de 619 millóns que acumulou entre 2011 e a súa saída da organización, ademais doutras achegas voluntarias.

Estados Unidos anunciara que se ía da Unesco a finais de 2017, durante o mandato do anterior presidente, Donald Trump, quen acusaba a institución de adoptar posicións reiteradamente antiisraelís.

Washington xa abandonara a Unesco en 1985, durante a presidencia de Ronald Reagan, e retornou en 2003.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade