Rueda aplaude o impacto económico e social do Camiño no seu aniversario
Rueda aplaude o impacto económico e social do Camiño no seu aniversario
Fíxoo no acto de celebración do 30 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade pola Unesco
Cualificou de “éxito colectivo” o peche deste 2023 con récord histórico de peregrinos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu este sábado ao acto de celebración do 30 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Alí salientou o aumento do impacto económico e social do Camiño de Santiago na comunidade galega nas últimas décadas e o “éxito colectivo” que supón pechar 2023 con récord histórico de peregrinos a pesar de non ser Ano Xacobeo.
“Estes 30 anos téñennos que encher de orgullo polo que conseguimos colectivamente e agora que encaramos dentro de moi pouco tempo esa década xacobea imos seguir traballando así para que os que, dentro doutros 30 anos tóquelles avaliar o que se fixo nestas tres décadas, poidan dicir que as cousas se fixeron ben e que un Camiño que ten moitos séculos de historia séguese mantendo tan saudable como o primeiro día”, manifestou no Hostal dous Reis Católicos.
Na súa intervención, Rueda recoñeceu que aínda que o Camiño de Santiago leva actuando como nexo de pobos e culturas desde hai séculos, o ano 1993 supuxo “un antes e un despois”, despois de obter o recoñecemento da Unesco e de celebrarse o Xacobeo 93, que permitiu que os Anos Santos transfiran a esfera relixiosa para converterse en todo un referente sociocultural no que se implica toda a comunidade.
"Pelegrín segue sendo marca Galicia", "todos os anos hai que coidar o Camiño en todos os sentidos", "é un fenómeno colectivo, universal, sen fronteiras", foron algunhas das mensaxes lanzadas polo xefe do Executivo galego.
Así mesmo, quixo agradecer a todos os axentes que conforman o Camiño, poñendo como exemplo aos concellos de fóra de Galicia que tecen unha rede para que a experiencia sexa satisfactoria.
“Temos o enorme privilexio de ser o final de todos os camiños, pero tamén a responsabilidade de pensar que todos os que chegan a Santiago antes pasaron por moitísimos sitios e merecen que a experiencia sexa igual de boa en todas partes”, indicou Rueda.