Os Estados Unidos volven vetar na ONU un alto o fogo inmediato en Gaza

O Goberno de Biden alíñase con Israel e argumenta que o cesamento só serviría para rearmar a Hamás

A resolución, presentada polos Emiratos Árabes Unidos, conseguira o apoio de 97 países en só 24 horas

G24.gal 09/12/2023 08:52 Última actualización 09/12/2023 13:55

Os Estados Unidos volveron vetar unha nova resolución do Consello de Seguridade da ONU para pedir un cesamento do fogo inmediato en Gaza. Presentada polos Emiratos Árabes Unidos, acadara o apadriñamento de 97 países membros en só 24 horas.

O chamamento foi apoiado por 13 membros do Consello e contou ademais coa abstención do Reino Unido. É a segunda vez, desde que comezou a guerra en Gaza, que os EUA vetan unha resolución neste sentido.

En liña con Israel, argumenta que alto ao fogo só serviría para rearmar a Hamás e manter cativos os 138 reféns na Franxa.

"O Consello queda illado, e aparece así desligado do seu propio documento fundacional. Que mensaxe estamos a transmitir aos palestinos se non podemos unirnos tras un chamamento para parar os bombardeos incesantes sobre Gaza?", preguntouse o representante dos Emiratos Árabes, Mohamed Abshahab.

Pola súa banda, o representante estadounidense Robert Wood lamentou que a resolución se redactara "de xeito precipitado" e como resultado fora "desequilibrada e divorciada da realidade, porque non podería mover as cousas nadiña de nada sobre o terreo".

Vetos na ONU

O 18 de outubro os Estados Unidos vetaron tamén en solitario unha resolución similar presentada polo Brasil que pedía un cesamento do fogo. Argumentaba entón que aquel texto non mencionaba o dereito de Israel á autodefensa.

Foi precisamente o conflito palestino o que motivou a maioría dos vetos dos Estados Unidos no Consello de Seguridade, ata 45 veces en toda a súa historia, sempre para poñerse ao lado do seu principal aliado no mundo, Israel.

Situación dramática

Esta última votación produciuse a pedimento do propio secretario xeral, António Guterres, que esta semana recorreu a un mecanismo excepcional da carta fundacional da ONU, o artigo 99, polo que pode pedir a intervención do Consello en casos de graves ameazas para a paz e a seguridade no mundo.

Guterres fixo ante o Consello unha dramática exposición da situación, lembrando que Gaza "se asoma ao abismo" e que "os ollos do mundo, e da historia, están a mirar (cara ao Consello). É hora de actuar".

A guerra de Gaza deixou xa 17.000 vítimas mortais en Gaza e 1.200 en Israel. Provocou ademais o desprazamento do 85 % dos 2 millóns de gazatís e deixounos con graves problemas sanitarios e de alimentación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade