Publicador de contidos
Publicador de contidos

Este mércores volve a xuízo o alixo de cocaína do MV Karar tras dous aprazamentos

Este mércores volve a xuízo o alixo de cocaína do MV Karar tras dous aprazamentos

 A xuíza fixo apercibimentos a sete dos acusados que non se presentaron á última vista 

O 20 de marzo, a Audiencia Provincial acordara aprazar o xuízo contra os 28 acusados

G24.gal 16/04/2024 17:43

O alixo de 3,8 toneladas de cocaína, transportadas en plena pandemia polo buque MV Karar, volverá a xuízo este 17 de abril, despois de dous aprazamentos e tras un aviso da Audiencia Provincial de Pontevedra a varios acusados que non se presentaron á última vista sinalada.

O pasado 20 de marzo, a Audiencia Provincial acordou aprazar o xuízo contra 28 acusados por ese alixo (un dos investigados faleceu durante a instrución da causa), debido á baixa dunha letrada da defensa, e despois de que sete acusados non se presentaran á comparecencia.

Nesa sesión de marzo compareceron 21 acusados, dos cales 16 permanecen en prisión preventiva. Están no cárcere 14 tripulantes do MV Karar, de Bangladesh e Nepal, un cidadán colombiano e un galego que está en prisión por outro procedemento.

A sala fixou como nova data de xuízo o 17 de abril e a maxistrada presidenta advertiu aos sete acusados de que serían "conducidos pola forza pública" no caso de non presentarse á seguinte vista.

Con todo, o 25 de abril fará catro anos de que ingresaron no cárcere por esta causa os tripulantes do buque, e a lei non permite superar ese prazo de prisión preventiva, polo que a previsión é que saían en liberdade antes de que haxa unha sentenza por estes feitos.

A de marzo foi a segunda suspensión deste xuízo, que xa estivo sinalado para febreiro, e que se aprazou "por diversas cuestións, entre elas, cambios de avogados", segundo informara o TSXG.

Cronoloxía dos feitos 

A Fiscalía atribúe aos procesados a preparación, coordinación e transporte da droga, que foi intervida nunha abordaxe en mar aberto. As forzas de seguridade detiveron en abril de 2020 os 15 tripulantes do MV Karar, un deles galego e o resto de Nepal e Bangladesh. 

Posteriormente quedaron detidas outras trece persoas en terra, entre quen estaba un funcionario do Servizo de Vixilancia Aduaneira e a súa muller.

O considerado xefe da organización, Santórum, fuxiu, pero entregouse meses despois para cumprir unha pena de algo máis de dous anos de cárcere nunha causa por revelación de segredos.

O ministerio público atribúe a todos os acusados un delito contra a saúde pública na modalidade de drogas que causan grave dano á saúde, cunha agravante polo uso de embarcacións e por tratarse dunha rede con contactos internacionais. Tamén se lles imputa un delito de integración en organización criminal.

A maiores, ao matrimonio acusado impútalles tamén un delito de branqueo de capitais, e a un procesado ao que lle interviñeron unha pistola, acúsano de tenza ilícita de armas.

Penas solicitadas

Para o xefe da organización, pide a pena de 18 anos e medio de prisión, así como unha multa de 438 millóns de euros, mentres que para o resto solicita 13 anos e medio de cárcere (dous anos máis para o investigado por tenza ilícita de armas) e dúas multas de 400 millóns de euros.

No caso do funcionario de Aduanas, a solicitude de pena increméntase noutros 6 anos polo branqueo e dúas penas de inhabilitación total por un período de 20 anos. Para a súa muller, a Fiscalía tamén pide a pena de cárcere por branqueo de capitais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade