Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estradas e accesos a Xerusalén e Tel Aviv cortados nun día de protestas masivas en Israel

Estradas e accesos a Xerusalén e Tel Aviv cortados nun día de protestas masivas en Israel

A Policía israelí detivo de momento a 42 manifestantes por "violar a orde pública"

G24.gal 11/07/2023 08:29

Milleiros de manifestantes en contra da reforma xudicial tomaron desde cedo as principais estradas e autoestradas de Israel e cortaron os accesos ás principais cidades, como Tel Aviv, Xerusalén e Haifa, nunha nova xornada de protestas masivas en todo o país.

Esta nova "xordana de resistencia" convócase hoxe despois de que a Knéset (Parlamento israelí) aprobase en primeira lectura un proxecto de lei que elimina a doutrina da razoabilidade e permite ao Supremo revisar e revogar decisións gobernamentais segundo estas sexan razoables ou non, un dos piares da reforma xudicial que impulsa o goberno ultradereitista de Benjamín Netanyahu.

A Policía israelí detivo de momento a 42 manifestantes por "violar a orde pública". Dos arrestados, 16 son no distrito de Tel Aviv, 15 na zona centro do país, 8 en Xerusalén e 3 no distrito da costa mediterránea, informou un portavoz da policía no seu reconto ata as 11.00 

Os líderes das protestas, un movemento moi amplo que aglutina múltiples sectores, desde o sector da alta tecnoloxía, os universitarios, ata reservistas, chamaron aos cidadáns para "reunirse e salvagardar a democracia israelí", nun comunicado.

"O espectáculo de terror de onte á noite na Knéset serviu como un claro recordatorio do momento crítico en que nos atopamos. Fronte a unha coalición ditatorial, só o pobo pode rescatar a Israel", afirmaron.

Na estrada 1, unha das máis transitadas do país, que conecta Tel Aviv e Xerusalén, a policía utilizou canóns de auga para dispersar os centos de manifestantes que bloqueaban esta vía desde  cedo na mañá en ambas as direccións, ademais de deter polo menos tres persoas.

A policía recorreu aos canóns de auga a pesar de que moita voces, incluídos médicos, pedisen estes días que a policía se abstivese de recorrer a ese método de dispersión, ao consideralo desproporcionado e que pode ocasionar danos á saúde.

En Tel Aviv, a marea humana tamén bloqueou a autoestrada Ayalon, onde os manifestantes repartiron comida entre os condutores parados, e outras estradas de acceso, para despois marchar de forma espontánea á sede de Histradrut, federación de sindicatos do país, para forzar que convoquen unha folga xeral, como xa fixeron o pasado 27 de marzo, cando Netanyahu se viu obrigado a conxelar a reforma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade