Ethel Vázquez: "As compensacións polos atrasos nos AVRIL son insuficientes"
Ethel Vázquez: "As compensacións polos atrasos nos AVRIL son insuficientes"
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións pídelle ao Goberno igualdade de trato con Asturias
Aponlle ao Ministerio de Transportes falta de seriedade para solucionar os problemas da A-6
Cifra en 28.000 as persoas maiores de 65 anos que en xaneiro usaron a Tarxeta de Mobilidade de Galicia
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, cualifica de "insuficientes" e "insignificantes" as compensacións habilitadas para Galicia polo Ministerio de Transportes tras o novo atraso na entrega de unidades de trens AVRIL (alta velocidade roda independente lixeira).
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Vázquez censura non só o que cualifica coma "enésimo atraso dos AVRIL", senón que as "compensacións que se implantan despois de Semana Santa ata o 6 de maio" sexan só de 2.000 prazas á semana a 25 euros, o que supón un 5 % das que semanalmente ten Galicia con Madrid, fronte ao 12 % que -segundo Ethel Vázquez- se lle ofrecen a Asturias.
Non só iso, senón que a conselleira en funcións cuestiona que mentres para Asturias as compensacións se prolonguen ata o 2025 en Galicia se limiten ata o 6 de maio. Por todo isto esixe "trato igualitario", e "transparencia" ademais de urxir outra vez unha "reunión específica" co Ministerio de Transportes para abordar esta situación.
Neste contexto di que na Xunta "son escépticos coa chegada dos trens AVRIL a Galicia".
"Non sabemos a causa concreta dese enésimo atraso e o que pedimos é igualdade de trato. Non sabemos máis aló que a partir do 6 de maio desaparecerán esas compensancións de unicamente o 5 por cento de prazas. Parece que en Asturias ofreceu algo máis ata o ano 2025, por iso é tan necesaria esa xuntanza específica, esa reunión urxente, esa igualdade de trato".
Problemas da A-6
A conselleira de Infraestruturas en funcións aponlle tamén ao Ministerio de Transportes falta de seriedade á hora de atallar os problemas da autovía A-6. Ethel Vázquez cuestiona os 14 millóns de euros consignados polo Ministerio para operacións de conservación na A-6 e na Nacional-VI ao seu paso polos concellos da montaña lucense. Unhas cantidades que a conselleira en funcións usa para soster a súa diatriba á política de conservación da rede viaria estatal.
"A conservación de estradas é un asunto que o Goberno de España non se está tomando en serio. As necesidades da autovía A-6 en materia de renovación da capa de rodadura que se necesita practicamente en toda a súa lonxitude é de 140 millóns de euros, polo tanto supón o 10 por cento esa cifra anunciada polo Ministerio de Transportes para o firme da A-6".
En contraposición, Ethel Vázquez di que o Goberno central debería "tomar exemplo" do que fai a Xunta nesta materia porque, insistiu, estamos a falar de "seguridade viaria".
Transporte para maiores de 65 anos
A conselleira de Mobilidade en funcións tamén cifrou en 28.000 o número de persoas maiores de 65 anos en Galicia que no mes de xaneiro usaron a Tarxeta de Mobilidade de Galicia -TMG- e puideron beneficiarse da gratuidade do transporte interurbano da Xunta ata un tope de 60 viaxes mensuais. Ademais, segundo Ethel Vázquez, isto supúxolles a estes usuarios un aforro duns 300.000 euros.