Ethel Vázquez: "Vexo o comisionado do corredor atlántico como unha manobra de distracción política"
Ethel Vázquez: "Vexo o comisionado do corredor atlántico como unha manobra de distracción política"
A conselleira de Infraestruturas láiase da falta de resposta do Ministerio tras dúas solicitudes de reunión con José Antonio Sebastián Ruiz
Ethel Vázquez apela á responsabilidade do sector do transporte por estrada de pasaxeiros para evitar paro indefinido a partir do 8 de maio
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, cualifica de "manobra de distracción política" a designación do comisionado do Goberno para o corredor atlántico de mercadorías.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Vázquez opina deste xeito tras "a calada por resposta" do Ministerio de Transportes ás dúas solicitudes de reunión con José Antonio Sebastián Ruiz feitas pola Xunta.
A conselleira lamenta que a día de hoxe, e tras ser nomeado en xaneiro, o comisionado non concertase ningún encontro coas tres comunidades do noroeste peninsular -Galicia, Asturias e Castela e León- afectadas polo ramal noroeste deste nó de comunicación ferroviaria.
"Non atende á nosa demanda de xuntanza. Nese sentido, eu o que podo manifestar é que vexo esa figura como unha manobra de distracción política que a día de hoxe non está a resolver a demanda de todo o sector empresarial, social e político das tres comunidades autónomas, que é avanzar no corredor atlántico de mercadorías".
Transporte de viaxeiros por estrada
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, na conversa, tamén apelou á responsabilidade do sector do transporte por estrada de pasaxeiros para chegar un acordo que desconvoque a folga indefinida prevista a partir do 8 de maio logo do preacordo acadado o mércores, que axudou a desconvocar o paro de dous días previsto para o xoves e venres últimos de abril, un preacordo no que se pactou unha recuperación salarial do 6,5% para 2021 e do 5,7% para 2022.
Nas vésperas de que patronal e sindicatos volvan sentar a negociar o 2 de maio, Vázquez lembra o investimento feito pola Xunta para intentar axudar o sector nestes dous últimos anos e di agardar que se chegue a un pacto para que os traballadores poidan "recuperar poder adquisitivo".
Ao mesmo considera "lóxico" que o Goberno de España fixese para este sector o mesmo que fixo con outros afectados pola Lei de contratos, como é o da construción, e que se poidan "revisar prezos" dos contratos coas Administracións públicas. Con todo, Vázquez di que "non somos optimistas".
"Vimos de facer un esforzo sen precedentes no mes de abril con esa inxección de 16,5 millóns de euros que se suma aos 45 millóns de euros dos dous últimos anos, case dous anos e medio. Polo tanto, investimento extraordinario, 60 millóns de euros ao sector de transporte para garantir a súa viabilidade. Eu apelo á responsabilidade do sector, dos empresarios para que acaden ese acordo definitivo cos representantes dos traballadores e poidan recuperar ese poder adquisitivo, que é a demanda".
Mina San Fins
Preguntada pola concentración convocada este sábado pola Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Fins ante a sede administrativa da Xunta en San Caetano, a conselleira de Infraestruturas dixo que Augas de Galicia só autorizou a "instalación dunha depuradora para garantir parámetros de vertedura con 18 requisitos moi estritos" porque -dixo- "é unha iniciativa ambiental".
A continuación engadiu que "os expedientes administrativos nas Administracións públicas non se tramitan en función dos gustos políticos senón que se tramitan cumprindo estritamente a lexislación vixente".