Europa aproba suavizar as esixencias ambientais da PAC
Europa aproba suavizar as esixencias ambientais da PAC
Os cambios perseguen simplificar as regras, reducir a carga administrativa e proporcionar flexibilidade para cumprir requisitos ambientais
A revisión da PAC tamén exime as pequenas explotacións de menos de dez hectáreas dos controis e as sancións relacionadas cos requisitos de condicionalidade
A Eurocámara podería aprobar as modificacións pola vía de emerxencia, antes das eleccións europeas
Os estados membros da Unión Europea (UE) deron este martes o seu visto e prace ás medidas que suavizan as esixencias ambientais da política agrícola común (PAC), en resposta ás protestas dos agricultores.
Os cambios afectan algunhas das prácticas ambientais que se deben cumprir como condición para recibir subsidios da PAC e eximen as pequenas explotacións (de menos de 10 hectáreas) de controis e de sancións relacionadas cos requisitos de condicionalidade.
O visto e prace deuno o Comité Especial de Agricultura, composto por altos funcionarios dos países responsables da política agrícola. Antes de que as modificacións entren en vigor, tamén as debe aprobar o Parlamento Europeo.
Cambios para simplificar as regras, reducir a carga administrativa e proporcionar flexibilidade para cumprir requisitos ambientais
As modificacións tamén teñen como obxectivo simplificar as regras, reducir a carga administrativa e "proporcionar unha maior flexibilidade para cumprir con certas condicionalidades ambientais", dacordo co Consello.
Para recibir os pagos da PAC, os agricultores ata o de agora tiñan que cumprir unha serie de nove principios respectuosos co medioambiente e o clima, tamén denominados "condicionalidades".
Os cambios apoiados hoxe introducen exencións nalgúns deses principios respectuosos co medio ambiente.
Así, no caso da cobertura mínima de chan nos períodos máis sensibles, os Estados membros terán máis flexibilidade para decidir que chans protexer e en que estación, baseándose nas especificidades nacionais e rexionais.
En canto á rotación de cultivos, seguirá sendo a práctica habitual, pero os países poderán usar a diversificación de cultivos como alternativa. O Consello precisou que iso é menos esixente para os agricultores, en especial, en áreas afectadas pola seca ou altas precipitacións.
Ademais, os agricultores só estarán obrigados a manter elementos non produtivos como sebes ou árbores e animaráselles, de maneira voluntaria, a manter terras en barbeito ou a crear novos elementos non produtivos mediante ecoesquemas.
A revisión da PAC tamén exime as pequenas explotacións de menos de dez hectáreas dos controis e as sancións relacionadas cos requisitos de condicionalidade
A revisión da PAC tamén exime as pequenas explotacións de menos de dez hectáreas dos controis e as sancións relacionadas cos requisitos de condicionalidade da PAC.
Esa medida afectará o 65 % dos beneficiarios da PAC, que, con todo, só representan arredor do 10 % das terras agrícolas.
Doutra banda, permitirase aos Estados membros "conceder exencións temporais e específicas de certos requisitos de condicionalidade en caso de condicións climáticas imprevistas que impidan aos agricultores cumprilos".
O Consello indicou que unha vez ao ano os países deberán informar á Comisión sobre tales excepcións.
Os cambios, igualmente, garantirán que os países poidan modificar os seus plans estratéxicos da PAC dúas veces ao ano de maneira permanente, fronte a unha soa, como sucedía ata o de agora.
A Eurocámara podería aprobar as modificacións pola vía de emerxencia, antes das eleccións europeas
O Consello da UE precisou que o presidente do Comité Especial de Agricultura enviará agora unha carta á Eurocámara para poder aprobar estes cambios da PAC polo procedemento de emerxencia, antes das eleccións europeas.
A comisión de Agricultura do Parlamento xa decidiu usar ese procedemento de urxencia e espérase que o pleno da Eurocámara vote as medidas na semana do 22 ao 25 de abril.
Despois, as modificacións terán que ser adoptadas polo Consello, asinadas polo Consello e a Eurocámara e publicadas no diario oficial da Unión.
"Se todo vai segundo o planeado, o regulamento entrará en vigor a finais de primavera", comunicou o Consello.
Planas urxe a aprobación dos cambios
O ministro de Agricultura, Luis Planas, celebrou estas modificacións, das que se poderán beneficiar o 50 % dos declarantes da PAC en España.
O titular de Agricultura subliñou que "cómpre aprobalas de xeito inmediato" porque a solicitude deste ano está en curso e porque é agora a temporada das sementeiras de primavera.