Evacúan tres persoas en Quiroga tras un incendio que destruíu varios inmobles
Evacúan tres persoas en Quiroga tras un incendio que destruíu varios inmobles
O incendio iniciouse de madrugada e os bombeiros tiveron que traballar toda a noite para apagar o lume
As lapas arrasaron unha vivenda, unha cantina, un garaxe e unha adega do mesmo núcleo
Un incendio destruíu esta madrugada en Quiroga varios inmobles e tres persoas tiveron que ser evacuadas ao hospital por inhalación de fume.
Ocorreu no lugar da Cruz de Outeiro. Foi un particular quen, quince minutos antes da medianoite, chamou ao 112 Galicia e explicou que estaba a arder unha casa. Nese momento, sinalou que varias persoas vivían no inmoble e que non sabía se conseguiran saír ao exterior ou aínda estaban dentro.
Pouco despois, era o propio propietario da vivenda quen chamaba a emerxencias para avisar do incendio.
O lume propagouse con rapidez a través dos teitos con vigas de madeira. "Algúns din que o lume empezou no falso teito e outros que no patio, non se sabe. Non tardou nin unha hora en arder todo".
O propietario do edificio di que as lapas chegaban aos catro metros de altura, "porque todo isto era madeira. Cando chegaron os bombeiros, que viñan dende Monforte, isto xa estaba todo queimado".
Non só destruíu a vivenda, tamén os inmobles anexos, un pequeno complexo turístico nas montañas do Courel: Unha cantina, un garaxe e unha adega.
No interior estaba a persoa que rexenta o establecemento e os seis integrantes dunha cuadrilla de traballadores que residían temporalmente nunha casa lindeira.
Os bombeiros traballaron toda a noite. A súa intervención evitou que o lume se estendese a outras vivendas da aldea. Pouco antes das cinco da mañá confirmaban que o incendio estaba controlado.
As tres persoas que habitaban a casa tiveron que ser evacuadas ao hospital por inhalación de fume, dúas delas, e outra máis cun corte nun pé.