Publicador de contidos
Publicador de contidos

Exipto impulsa un encontro entre os EUA e Israel para discutir a tregua en Gaza

Exipto impulsa un encontro entre os EUA e Israel para discutir a tregua en Gaza

Segundo Al Qahera News, O Cairo está a facer contactos con "todas as partes" logo de que Hamas presentara unha proposta revisada

Edificios destruídos no mercado da zona vella na cidade de Gaza. REUTERS/Mahmoud Issa Edificios destruídos no mercado da zona vella na cidade de Gaza. REUTERS/Mahmoud Issa
G24.gal 07/07/2024 08:45 Última actualización 07/07/2024 09:18

Exipto recibirá nos vindeiros días delegacións dos Estados Unidos e de Israel para abordar os "puntos pendentes" sobre un posible cesamento do fogo na franxa de Gaza, despois de que o grupo islamita Hamas presentara unha proposta revisada.

Segundo informa a televisión estatal exipcia Al Qahera News, unha fonte "de alto nivel" moi próxima aos servizos de intelixencia dese país asegura que O Cairo está a facer contactos con "todas as partes" para "impulsar" as negociacións e alcanzar un acordo.

Así mesmo, indicou que o equipo mediador exipcio está en contacto coa delegación de Hamas para discutir os puntos pendentes para alcanzar un cesamento de hostilidades e lograr un intercambio de reféns israelís en Gaza por presos palestinos en cárceres de Israel.

Movementos nos últimos días

O líder do brazo político de Hamas, Ismail Haniyeh, presentoulles aos mediadores unha nova proposta de acordo na noite do mércores.

Pola súa banda, o xefe do Mosad, David Barnea (líder do equipo negociador israelí) fixo o venres unha viaxe lóstrego para recibir a proposta e reunirse co primeiro ministro de Qatar, principal mediador.

Tras a viaxe, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu ordenoulle ao seu equipo negociador regresar a Doha a semana que vén para retomar as negociacións, malia admitir que aínda quedaban "brechas" nas posturas de ambas as dúas partes.

Puntos quentes

Hamas mantén como esixencia fundamental que calquera pacto culmine no cesamento definitivo das hostilidades e a saída das tropas israelís.

Netanyahu insiste en que a guerra non terminará ata que Israel complete a destrución das capacidades militares e de goberno dos islamitas e logre o retorno de todos os reféns, vivos e mortos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade