Éxito das regadeiras que botan luz sobre o Nadal dun barrio de Silleda
Éxito das regadeiras que botan luz sobre o Nadal dun barrio de Silleda
A promotora da idea, a artesá Lucía Ares, pretende que para o ano as regadeiras vermellas con chorro de luz salten do barrio das Baratas a toda a vila
Nos últimos tempos semella que as luces de Nadal están a gañar máis protagonismo cada ano, e iso favorece a inventiva.
No barrio das Baratas de Silleda ocorréuselles usar regadeiras para botar chorros de luz a estas festas. O éxito foi inmediato.
Comezaran a colocalas contra a ponte de decembro. Ao principio xeraban confusión, pero cando chegou o momento de prender as luces descubriuse un efecto que marabillaba ao caer a noite.
Os veciños empezaran por preparar 50 regadeiras vermellas con chorro de luz, pero a demanda disparouse e acabaron por colocar máis de 200.
E tiveron que parar, porque non atopaban máis luces. Unhas 40 persoas quedaron sen regadeira. Pero, para o ano que vén, os promotores da idea van traballar para que a idea salte a toda a vila.