Preocupación por un acosador en Silleda
Preocupación por un acosador en Silleda
O home abordou varias mozas con linguaxe e xestos obscenos
A Garda Civil confima que hai dúas denuncias e a Policía Local xa o ten identificado
A mensaxe estendeuse polas redes e polos móbiles como un regueiro de pólvora, segundo nos conta a veciñanza:
"Hai un home que anda espido nun coche, que anda acosando nenas. Ben, creo que lle vale de todo porque tamén se achegou a unha persoa maior"
"Estaba parado na estación de autobuses e empezou a preguntarlles a unhas mozas, mentras se masturbaba e as rapazas colleron medo"
Hai dúas denuncias na Garda Civil, pero non se descartan que aparezan novos casos. De feito, a Policía Local identificouno polo menos catro veces en espazos, situación e horas diferentes.
"A unha señora díxolle que lle ensinara os peitos ou algo así.... algo raro!"
"Nós tivemos catro avisos, de que había unha persoa espida pero cando chegamos xa estaba vestida", confirma Manuel López, xefe da Policía Local de Silleda
As familias queren evitar o alarmismo, pero a preocupación é inevitable.
"É preocupante porque somos unha vila tranquila. Ata me prepocupa por min porque non sabes onde vai pasar algo"
"Vírono máis veces, pero nós animamos a xente a que denuncie porque cantas máis denuncias, antes poderemos actuar", sinala o xefe da Policía Local.
O ruxerruxe di que é un home calvo, con barba branca e lentes de sol. A policía confirma que vive en Silleda.