Extinguido o lume forestal de Entrimo que entrara hai tres días dende Portugal
Extinguido o lume forestal de Entrimo que entrara hai tres días dende Portugal
Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 223 hectáreas dentro do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés
O lume rexistrado dende hai tres días no municipio ourensán de Entrimo, na parroquia de Venceáns, quedou extinguido ás 11:35 horas deste sábado, segundo informa a Consellería do Medio Rural.
Iniciárase o martes en Portugal e entrara en territorio galego ás 17:00 horas do pasado mércores. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 223 hectáreas, todas de monte raso, dentro do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Para a extinción deste incendio mobilizáronse en total 6 técnicos, 35 axentes, 67 brigadas, 23 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 11 avións.
Intencionalidade en Crecente
Horas antes quedaba extinguido outro lume iniciado no concello pontevedrés de Crecente, na parroquia de Filgueira, tamén o mércores. As lapas arrasaron polo menos 267 hectáreas, a maioría de monte arborado.
De acordo coa información facilitada por Medio Rural, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Xunta, atopou probas que apuntan á intencionalidade deste incendio.
Para a súa extinción mobilizáronse 5 técnicos, 40 axentes, 72 brigadas, 48 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 5 avións.