Fabiola García: "Pedímoslle ao Goberno lealdade institucional para afrontar a crise migratoria"

A conselleira de Política Social lamenta a falta de información sobre o traslado de 400 migrantes a Galicia

Fabiola García destaca que Galicia é pioneira en dar o primeiro paso cara á universalización dos coidados cos novos bonos para maiores e dependentes

G24.gal 27/10/2023 10:22 Última actualización 27/10/2023 10:43

A conselleira de Política Social, Fabiola García, pídelle ao Goberno central que actúe "con lealdade institucional" para afrontar a crise migratoria das Canarias que traerá a Galicia a máis de 400 migrantes. Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, a conselleira lamentou a falta de coordinación e información

A día de hoxe, segundo explicou, existen moitas dúbidas e incertezas: descoñecen cando chegarán esas persoas á nosa comunidade, como serán trasladadas, en que lugares concretos se van aloxar, se hai cativos que precisan escolarización, ou se son persoas que precisan algún tipo de atención sanitaria"O único que sabemos é que van chegar 350 persoas a Sanxenxo e 40 a Sobrado. As outras 26 xa están nestes momentos en Galicia"

A conselleira cre pouco razoable que o Goberno estea pechando estas migracións de costas á nosa comunidade, "con escurantismo". Destaca que Galicia actuou sempre con lealdade nos momentos máis críticos, coa acollida por exemplo de refuxiados de Ucraína e Afganistán, por iso demandan a información necesaria para poder tratar estes migrantes que virán á nosa comunidade do mellor xeito posible. 

Orzamentos

A conselleira destacou os orzamentos que xestionará a súa consellería o ano que vén, máis de 1.200 millóns de euros. E puxo en valor os novos bonos para axudar no coidado de dependentes e maiores cos que Galicia, destacou "é a única comunidade en dar un paso adiante para a universalización dos coidados".

Fabiola García resalta a posta en marcha do bono de 5 mil euros anuais para axudar no coidado de dependentes que estean nos seus domicilios, ou o bono de 1.200 euros para axudar co pago dun centro residencial. Tamén valorou a tarxeta para os maiores de 65 anos que entre outras cousas lles permitirá viaxar de balde no transporte interurbano de Galicia, e gozar de descontos en establecementos hoteleiros ou viaxes.

A conselleira agarda tamén que a primeiros do ano que vén estean en pleno funcionamento as novas medidas que permitirán reducir os trámites á hora de solicitar unha dependencia.

Financiamento para dependencia

Fabiola García valora que o PSOE e Sumar recollan no seu pacto de goberno inclúan unha estratexia para adaptar a Lei de dependencia e agarda que dunha vez se dea cumprimento ao sistema de financiamento.

A día de hoxe, destacou, Galicia achega o 70 % dos cartos necesarios para financiar a dependencia, e o Goberno o 30 %, cando a lei fixa que ese financiamento debe ser a partes iguais. Son "máis de 2.500 os millóns de euros que o executivo lle debe á nosa comunidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos