Fan o Camiño de Santiago ao revés para concienciar sobre a reciclaxe
Fan o Camiño de Santiago ao revés para concienciar sobre a reciclaxe
Un grupo de voluntariado percorre a ruta portuguesa en dirección contraria para limpar o Camiño
A iniciativa tamén conta cunha compostela de ecoperegrino que axuda á reforestación dos montes
Vinte persoas partían este sábado da praza do Obradoiro para completar tres etapas do Camiño de Santiago pola súa variante portuguesa, pero en dirección contraria. Tratan así de facer ver aos peregrinos a importancia de conservar limpo de refugallos e lixo esta ruta patrimonial e fomentar o papel da reciclaxe.
"Imos ir con estas bolsas que son de plástico reciclado para recoller toda a "basuraleza" que atopemos no camiño e dicirlle aos peregrinos que llo deixamos limpo, para que cando cheguen a Santiago a única pegada que quede sexa a das súas pisadas", asegura Carolina Martín, responsable do proxecto O Camiño da reciclaxe.
O Camiño ao revés portugués é unha iniciativa da organización Ecoembes, que xestiona a reciclaxe en España, e que se completa coa creación dunha compostela de ecoperegrino, que grazas a colaboración dos voluntarios permitiu sementar seiscentas árbores autóctonas en Galicia.
"A ecocompostela do peregrino o que fai é por cada albergue polo que pasemos, nola selan. O que temos que facer é seguir a Ecoembes polas redes sociais e cando nola selen en tres albergues, subímolo ás redes sociais, e con cada foto que subamos sementaríase unha árbore autóctona en Galicia", explica Soledad Albarrán, unha das participantes na iniciativa.
Dende a propia organización tamén fomentan o uso da aplicación para o teléfono chamada "Basulareza" coa que pretenden identificar o tipo de lixo existente nos espazos naturais e actuar en consecuencia.
"Neste caso o barómetro da "basuraleza" dinos que as cabichas, os plásticos menores de dous centímetros e medio e as toallas húmidas son os refugallos que máis aparecen nos espazos naturais", comenta Sara Güemes, coordinadora do proxecto Libera.
Grazas a estas iniciativas, durante o verán pasado os voluntarios conseguiron retirar case duascentas toneladas de lixo da ruta xacobea.