Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece o escritor e académico Darío Xohán Cabana aos 69 anos

Falece o escritor e académico Darío Xohán Cabana aos 69 anos

G24.gal 17/11/2021 10:52

O escritor Darío Xohán Cabana faleceu este mércores aos 69 anos de idade. Nado en Roás, Cospeito, en 1952, é unha das figuras fundamentais da literatura galega das últimas décadas. Poeta, narrador e ensaísta, era membro da Real Academia Galega desde 2006. Estaba casado e tiña unha filla e un fillo.

O seu falecemento produciuse no seu domicilio na parroquia de Romeán, en Lugo, segundo confirmaron desde o concello lucense, onde traballou como funcionario de Cultura ata a súa xubilación.

Nun comunicado a Real Academia Galega (RAG), expresou o seu "fondo pesar" pola morte "dunha das grandes voces das letras galegas contemporáneas e membro da institución, cun fondo compromiso coa lingua, a identidade cultural e a política galega".

No ano 1970 publicou o seu primeiro libro de poemas, Home e terra, pero a pesar de sentirse "ante todo poeta", desde "finais dos anos 80 cultivou con éxito a narrativa, ámbito en que tamén mereceu diversos galardóns".

En 1989, publicou unha das "novelas galegas máis vendidas", Galván en Saor, unha "homenaxe á literatura artúrica, en que conflúen o mundo real contemporáneo e un pasado mitolóxico de Galicia", que recibiu o Premio Xerais. No ano 1994, volveu gañar o Premio Xerais con O cervo na Torre.

Nos anos 90 tamén comezou a publicar obras dirixidas ao público infantil e xuvenil, como O avión de Cangas, finalista do Premio Merlín en 1991; O milagre da estrelas e O castrón de ouro, Premio Barco de Vapor en 1993.

Outra das súas facetas foi a de tradutor, destacando por enriba de outros moitos traballos o dos clásicos italianos como Dante ou Petrarca. El dicía que só estaba orgulloso das súas traducións.
A cidade de Florencia outorgoulle a súa medalla de ouro pola súa versión galega da Divina comedia que verteu dúas veces ao galego.

Activista político, vinculado ao nacionalismo galego, en Esquerda Nacionalista, a Unión do Povo Galego ou a FPG.  Xohán Cabana, era fillo de labregos republicanos e sempre tivo presentes as súas raíces. Comezou a militar na esquerda nacionalista na clandestinidade desde moi novo e, "tanto o seu pensamento político como o seu lugar no mundo, a Terra Chá, deixaron unha importante pegada na súa obra", asegura a RAG no seu comunicado.

O seu ingreso na Real Academia Galega produciuse en abril de 2006, ocupando a vacante do poeta Manuel María, quen tiña unha forte ascendencia na súa traxectoria e que tamén estaba presente nese discurso de ingreso De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, e que foi respondido por Xosé Luís Méndez Ferrín.

 

"Cando o sol poñerse xa quería, colleu a pucha, requiriu caxato e díxonos abur, deica outro día"; palabras de despedida do propio escritor para poñerlle o punto e final ao propio obituario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade