Falece Robbie Coltrane, o actor que deu vida a Hagrid en Harry Potter
Falece Robbie Coltrane, o actor que deu vida a Hagrid en Harry Potter
O actor finou aos 72 anos, tras unha carreira chea de recoñecemento
O actor escocés Robbie Coltrane, coñecido pola súa interpretación de Hagrid na saga de películas de Harry Potter, finou este venres con 72 anos, segundo informou o seu axente nun comunicado.
Coltrane gañou durante a súa carreira cinco premios Bafta da Academia de cinema e televisión británica, tres deles de maneira consecutiva, entre 1994 e 1996, pola súa participación na serie 'Cracker'.
Tamén apareceu nos filmes de James Bond 'GolenEye' (1995) e 'The World is not Enough' (1999), e foi nomeado en 2006 Oficial da Orde do Imperio Británico pola raíña Isabel II.
"Lembrémolo probablemente durante décadas como Hagrid, das películas de Harry Poter, un papel que co que transmitiu alegría tanto a nenos como adultos de todo o mundo", polo que "recibía un aluvión de cartas de admiradores cada semana" desde había máis de vinte anos, dixo nunha nota remitida aos medios o seu representante, Belinda Wright.
De feito, o seu icónico papel foi parte de 'Harry Potter e a pedra filosofal', a película dobrada ao galego máis vista na historia da TVG.
A familia do actor transmitiu nese comunicado o seu agradecemento ao persoal do hospital Forth Valley Royal de Lambert (Escocia), polos seus "coidados e diplomacia".
"Persoalmente, lembrareino como un cliente sempre leal, así como a un fantástico actor, cunha intelixencia forense e un enxeño brillante. Despois de ser o seu axente durante corenta anos, botareille de menos", expresou Wright.
O actor británico Stephen Fry rendeu tributo á "profundidade, o poder e o talento" de Coltrane. "Adeus, vello amigo. Estrañarémoste terriblemente", dixo en Twitter.