Morren dúas persoas en accidentes de tráfico este sábado en Galicia
Morren dúas persoas en accidentes de tráfico este sábado en Galicia
Un peón falece cando ía pola beiravía na recta de Rus en Carballo, foi alcanzado por un vehículo implicado nunha colisión con outro turismo
Noutro accidente morre un veciño de Malpica de 31 anos na estrada de Buño a Ponteceso
Un home de algo máis de 70 anos faleceu este sábado tras ser alcanzado por un turismo cando camiñaba pola beiravía na coñecida como a recta de Rus en Carballo, na estrada que une esta localidade con Santiago de Compostela.
O tráxico sinistro aconteceu tras chocaren dous coches na estrada e un deles, desprazado polo impacto, invadiu a beiravía e levou o peón por diante. O home faleceu no momento. Era un veciño do lugar de San Paio.
🔴 #AXEGAInforma dun home que perdeu a vida ao ser atropelado por un coche que bateu, previamente, contra outro vehículo en #Carballo. Sucedeu no punto quilométrico 5 da DP-1914, á altura da parroquia de Rus.
— 112Galicia (@112Galicia) June 25, 2022
ℹ️ https://t.co/YnwhCRwXAP pic.twitter.com/9eccUXU4X5
Noutro brutal accidente morría este sábado pola mañá unha persoa despois de que se lle fora da estrada o vehículo en que viaxaba no concello de Malpica de Bergantiños. É un veciño da zona de 31 anos, natural do Vilar na parroquia de Leiloio, en Malpica.
O accidente sucedeu na estrada que une Buño e Ponteceso, uns minutos despois das 8:00 horas. Foi no punto quilométrico 1 da AC-419, que enlaza a rotonda de Buño con Ponteceso. Un particular avisou o 112-Galicia do accidente e os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias-061.
Os sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida á persoa accidentada. Tamén se desprazaron ata o lugar a Garda Civil co equipo de atestados da Coruña, os bombeiros de Carballo, o GES de Ponteceso, e Protección Civil e Policía Local de Malpica.
🔴 #AXEGAInforma dun accidente de tráfico mortal en #MalpicaDeBergantiños. Unha persoa faleceu ao saírse da vía o coche no que circulaba, na estrada que une Buño e Ponteceso.
— 112Galicia (@112Galicia) June 25, 2022
ℹ️ https://t.co/iZoD96ccHH pic.twitter.com/POwN9BwzFN