Falece un mozo de 23 anos ao ser atropelado por un turismo en Ponteareas
Falece un mozo de 23 anos ao ser atropelado por un turismo en Ponteareas
Unha das hipóteses que baralla a Policía Local é que o vehículo alcanzou a vítima nun paso de peóns por falla de visibilidade
Ocorreu sobre as sete da mañá na estrada N-20, á altura da capela dos Remedios, no barrio da Ponte, xusto á entrada do concello de Ponteareas.
Por causas aínda sen determinar, un vehículo, concretamente un Audi, atropelou un mozo de 23 anos que faleceu no acto. Era veciño do municipio.
Aínda era noite e chovía. Había pouca visibilidade porque a iluminación neste treito é escasa. Ademais, a primeira hora o tráfico é intenso neste punto ao ser unha das vías principais de acceso ao concello de Ponteareas.
"A esa hora da mañá soe haber tráfico que van traballar. E hoxe era un día con moita choiva, era de noite, as circunstancias non eran propicias", asegura a oficial xefa da Policía Local de Ponteareas.
Un vehículo que circulaba en sentido Vigo atropelou o mozo de 23 anos por causas aínda sen determinar.
"Ás sete da mañá alertounos o 112 dun atropelo na zona da capela dos Remedios porque houbo un atropelo con resultado dun morto. Agora estamos facendo as investigacións para ver como ocorreron os feitos", conta a axente.
Investigación
A Policía Local de Ponteareas encárgase da investigación. Unha das hipóteses que manexa é que o coche levou por diante o mozo, por falta de visibilidade, mentres cruzaba polo paso de peóns.
O corpo estaba a máis de trinta metros. A vítima non levaba chaleco e o condutor foi un dos que alertou o 112 do sucedido.