Un matrimonio morre nun violento accidente de tráfico en Sanxenxo
Un matrimonio morre nun violento accidente de tráfico en Sanxenxo
O seu coche foi arrastrado ata un terraplén por un vehículo que invadiu o carril contrario
Foi no lugar de Forxán, na parroquia de Adina, e outras tres persoas quedaron feridas
Un matrimonio de Sanxenxo faleceu este sábado nun choque frontal entre dous vehículos ocorrido na estrada PO-504 ao seu paso por Forxán, na parroquia de Adina.
Segundo fontes municipais, o turismo no que viaxaban foi arrastrado ata un terraplén por un coche de alta cilindrada que invadiu o carril contrario. Outras tres persoas quedaron feridas.
Polo momento, descoñécense as causas do accidente que se rexistrou nunha zona limitada a 50 quilómetros por hora e con liña continua.
No operativo participaron os Bombeiros de Ribadumia, o 061, a Policía Local, a Garda Civil de Tráfico e Emerxencias de Sanxenxo.
Relato dunha testemuña
O turismo no que viaxaban as vítimas mortais quedou esmagado polo deportivo. Como consecuencia da colisión, ambos os dous atravesaron a beirarrúa, levaron por diante parte do valado metálico, caeron por unha pendente e foron parar a un terreo particular.
"Sentín un estrondo enorme, estaba na cociña e saín correndo e xa vin os dous coches, vin o coche de arriba e vin que había outro abaixo e xa vin saír os mozos do coche vermello e achegámonos a ver o coche de abaixo e vimos que había alguén pero xa vimos que era imposible de sacar", conta unha testemuña.
Os bombeiros tiveron que rescatar os dous falecidos. Era un matrimonio de 70 anos, veciños da localidade. O home foi traballador do Concello ata a xubilación.
"Si, pensamos que eran uns turistas que estaban no hotel pero mostráronos unha foto dun DNI e sabemos quen son, si", asegura.
No deportivo vermello ían tres persoas, dous homes e unha muller que sufriron feridas polas que dous deles tiveron que seren atendidos no hospital.
"Saíron do terreo, dixéronme se lles podía abrir o portal, sentaron aquí fóra, á rapaza doíalle moito".
As primeiras hipóteses apuntan a que o coche de alta cilindrada invadiu o carril contrario e levou por diante o outro coche.
"Aquí teñen que tomar medidas porque leva unha tempada tranquila pero esta é unha recta de moitísima velocidade".
A investigación aberta pola Garda Civil de Tráfico establecerá as causas do sinistro.