Morre un condutor de 65 anos en Coles nunha colisión frontal contra outro turismo
Morre un condutor de 65 anos en Coles nunha colisión frontal contra outro turismo
O sinistro deixa dous feridos máis de carácter leve
Un home de 65 anos morreu este luns no municipio ourensán de Coles tras sufrir un accidente contra outro turismo en que viaxaban outras dúas persoas que quedaron feridas leves.
Segundo informou a Garda Civil, o sinistro produciuse na estrada nacional N-525 ás 12:00 horas á altura do quilómetro 245, onde o vehículo que manexaba o falecido invadiu o carril contrario e acabou batendo contra outro coche.
O condutor morto, de 65 anos e veciño do propio concello de Coles, levaba posto o cinto de seguridade, como especifica o Instituto Armado nunha nota enviada aos medios.
Pola súa banda, os ocupantes do outro vehículo implicado no accidente, de 60 e 65 anos, quedaron feridos de carácter leve, e foron evacuados a unha clínica de Ourense.
O operativo coordinado desde a central do 112 Galicia tamén contou coa participación dos bombeiros do Carballiño e o GES do Pereiro de Aguiar, que tiveron que actuar para liberar o condutor falecido ao estar atrapado no interior do seu coche, no que viaxaba só.