Publicador de contidos
Publicador de contidos

Avoa, fillo e neto; vítimas mortais no incendio dun edificio na Vila Joiosa

Avoa, fillo e neto; vítimas mortais no incendio dun edificio na Vila Joiosa

O menor, de tan só 5 anos foi achado polos bombeiros abrazado ao seu can

A rápida actuación dos servizos de emerxencia no desaloxo duns 120 veciños evitou maiores danos persoais

Vivenda afectada polas lapas en Vila Joiosa (EFE/pEP Morell)
G24.gal 04/03/2024 08:47 Última actualización 04/03/2024 14:35

Os tres falecidos polo incendio dun edificio de grande altura da Vila Joiosa (Alacant) son unha muller, o seu fillo e o seu neto, este último de tan só 5 anos e que foi achado polos bombeiros abrazado ao seu can.

O alcalde, Marcos Zaragoza, explicou a EFE na porta do edificio de 24 alturas sinistrado que se trata dunha "tremenda desgraza" e que os servizos de emerxencias actuaron con celeridade pero que non puideron evitar a morte desta familia, xunto á súa mascota.

A rápida actuación dos servizos de emerxencia no desaloxo duns 120 veciños evitou maiores danos persoais, principalmente por inhalación de fume, xa que o incendio orixinouse durante unha noite con intenso vento de poñente e "a unha hora na que podería ser aínda maior a traxedia".

O alcalde non ocultou que desde o primeiro momento en que tivo coñecemento do suceso véuselle "á cabeza todo o ocorrido en Campanar", o barrio valenciano onde fai dez días faleceron dez persoas e o lume devorou dous edificios, e sinalou que a construción dos inmobles non ofrece paralelismo porque o da Vila Joiosa ten fachada de cemento, o que evitou unha maior propagación entre plantas.

Os corpos sen vida da avoa, fillo e neto foron levantados por orde xudicial pouca despois das 9:30 horas e foron trasladados ao Instituto de Medicina Legal para a autopsia, e en canto ás causas do lume, os investigadores chegados desde Valencia están aínda determinando a orixe.

"Despertei porque oin os berros da señora. Eu choraba e berraba polo neno, sabía que había un neno e a señora maior". A que fala é a veciña porta con porta da familia que perdeu a vida no incendio.

O incendio iniciouse ás 2:15 horas nunha vivenda situada na planta 11 da torre 3 dunha urbanización situada na Cala da Vila Joiosa, e foron atendidas 15 persoas, xa todos de alta, ademais de obrigar ao desaloxo duns 120 veciños, sen que as lapas se propagasen a vivendas contiguas. 

Algúns veciños foron realoxados en hoteis. Todos tiñan moi presente o tráxico incendio de hai dez días en Valencia.

"Veume a cabeza o de Campanar e a hora que era, as tres da mañá a xente está durmindo, os sistemas de alarma funcionaron ben", asegura o alcalde de Vila Joiosa, Marcos Zaragoza.

A Policía Xudicial da Garda Civil xa traballa na zona para esclarecer as causas. A Comunidade Valenciana decretou tres días de loito. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade