Publicador de contidos
Publicador de contidos

As familias das vítimas do Villa de Pitanxo agradecen o labor das autoridades canadenses

As familias das vítimas do Villa de Pitanxo agradecen o labor das autoridades canadenses

Mostras de gratitude e recoñecemento para os responsables do rescate e repatriación das vítimas

Os responsables de Pesca da Xunta e do Goberno central participaron no acto

G24.gal 22/06/2024 15:04 Última actualización 22/06/2024 21:10

Despois da homenaxe deste venres en San Xoán de Terra Nova aos mariñeiros falecidos do Villa de Pitanxo, nesta segunda cerimonia o obxectivo era agradecerlles o labor realizado ás autoridades do Canadá, de Terra Nova e Labrador, e aos servizos de gardacostas destes territorios polos traballos de rescate e repatriación dos corpos.

"O noso recoñecemento non só polo traballo daqueles días, senón tamén polo que levan desenvolvido ao longo destas décadas e deste tempo no que Galicia ten presenza nas augas de Terra Nova", expresaba o director xera de Pesca da Xunta, Antonio Basanta.

As autoridades da Xunta e do Goberno central coinciden en que era fundamental compartir estas vivencias cos familiares dos falecidos para que se sintan arroupados.

"Porque necesitaban, e así nolo transmitiron, pechar un pouco o duelo no lugar máis próximo a onde realmente perderon os seus familiares", explicaba a secretaria xeral de Pesca do Goberno central, Isabel Artime.

Atrás quedan moitos meses de penalidades e de loita constante por parte das familias deses 21 falecidos, dos que só se recuperaron nove corpos.

"Como cerrar un loito, un loito que non levamos, pero que vivimos dous anos", manifestaba Carolina Alcántara, esposa dun desaparecido no naufraxio.

O agradecemento era a sensación compartida polas familias para pechar un círculo que vai de Terra Nova a Galicia.

"Un xesto de gratitude á xente que nos apoiou non hoxe, senón durante o proceso de repatriación dos corpos e tamén coa súa presenza institucional", sinalaba María Xosé de Pazo, voceira das familias afectadas.

Na cerimonia estivo presente tamén a delegada da Coroa británica no Canadá, que tivo palabras emotivas nas que lembrou os mortos no mar da súa familia.

As familias tamén asistiron á ofrenda floral e a misa que oficiou o arcebispo católico de San Xoán de Terra Nova, Peter Joseph Hundt, na honra das vítimas. Estiveron acompañadas por representantes do Goberno español, da Xunta de Galicia e da Armada española.

A voceira dos falecidos e desaparecidos, María José de Pazo, asegurou que coa cerimonia querían amosarlle o seu agradecemento á poboación canadense anónima que en febreiro de 2022 se solidarizou cos mariñeiros do Villa de Pitanxo tras a traxedia.

"A xente de Terra Nova é xente de mar. Queriamos oficiar para esta xente do mar que nos prestou axuda. Aquí houbo persoas que a noite do naufraxio e os días de procura foi a misa e estivo a rezar para que fosen achados. Xente que non nos coñecía absolutamente de nada. Pero cónstanos que se encheron igrexas con cidadáns de Terra Nova pedindo polos nosos", declarou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade