Familias numerosas de toda España piden protección e axudas públicas
Familias numerosas de toda España piden protección e axudas públicas
Compostela acolleu o XIII Congreso Nacional de Familias Numerosas
En toda España hai máis de 750.000 e en Galicia superan as 23.000
Familias numerosas de toda España reuníronse este sábado en Santiago no seu décimo terceiro congreso nacional para dar a coñecer a realidade e as necesidades das familias con tres ou máis fillos.
Na inauguración participou o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, quen instou o Goberno e a Europa a afrontar o desafío que supón a crise demográfica.
En toda España hai máis de 750.000 familias numerosas recoñecidas, en Galicia son algo máis de 23.000. Moitas delas participaron neste congreso para poñer de manifesto a contribución social que fan á sociedade en forma de capital humano e pedir maior protección e máis axudas por parte das administracións.
"É moi complicado sacar adiante unha familia numerosa a día de hoxe".
"Nós estamos achegando un capital humano importante á sociedade e a sociedade estigmatízannos como se fósemos uns irresponsables por ter fillos nuns momentos coma estes cando estamos a facer un esforzo importante", din nais e pais de familias numerosas.
O presidente do PP, Núñez Feijóo, destacou a necesidade de que España e Europa faga fronte ao desafío que supón o problema demográfico co avellentamento da poboación...
"O mínimo que pode facer unha administración responsable e facilitarlle a vida a aqueles que queren ter dous ou máis fillos e ademais é que o necesitamos... E se non inclúe na axenda o problema demográfico, Europa, que xa é o continente máis vello do mundo, converterase no continente máis ancián do mundo", asegurou Núñez Feijóo.
Tamén salientou entre as medidas que propón o PP a de baixar o IVE ao 10 % a coches para familias numerosas e que teñan a categoría especial a partir do cuarto fillo.