Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fanse pasar por empresas eléctricas ou concellos para conseguir por teléfono os datos bancarios das súas vítimas

Fanse pasar por empresas eléctricas ou concellos para conseguir por teléfono os datos bancarios das súas vítimas

G24.gal 15/06/2024 14:42

A Garda Civil detectou un aumento na tentativa de calotes telefónicos, especialmente na provincia de Ourense. Fanse pasar por empresas eléctricas ou concellos para conseguir os datos bancarios das súas vítimas, empresas ou particulares. A escusa non é outra que a existencia din, de recibos ou taxas pendentes. Pero todo é falso. En só dous meses fixéronse cun botín de once mil euros.

"Pedían datos da gasolineira e dixemos que non, e el dixo que xa falara coa nosa encargada e dixeron como? e en nada xa colgaron. Entón enseguida a compañeira xa chamou e dixo que estaban chamando do concello, xa lle dixeron que non era certo e que llo dixeramos  a xente".

E foi así como a noticia comezou a circular polo concello da Mezquita. Alguén facéndose pasar por un traballador municipal pretendía conseguir datos deste establecemento. 

Rafael Pérez, o alcalde da Mezquita, apunta que a persoa que chamou mesmo dubidou cando lle preguntaron de que concello chamaba e falou en castelán. Que aí debeuse apurar un pouco e entón acabou a conversa. 

Aquí non conseguiron o seu obxectivo, e o concello puxo en alerta os veciños. Agora faino tamén a garda civil despois de detectar un incremento neste tipo de calotes. Nos concellos da Rúa, Xinzo, Ourense, Lobios e Viana fixéronse con once mil euros en apenas dous meses. A vítima recibe unha chamada dunha empresa eléctrica ou dalgunha entidade local na que a advirten de que a non ser que pague unha cantidade determinada se lle cortará o servizo ou terá un recargo na taxa municipal. 

"Hai que estar moi atentos porque normalmente o ámbito rural a maior parte é xente maior que non se da de conta, que a chaman, que dan os datos todos e claro aí veñen os problemas".

A Garda Civil lembra que nunca hai que facilitar datos económicos por teléfono, e no caso de ser vítima dun calote hai que poñelo en coñecemento das autoridades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade