Unha estafa en Santiago busca roubar ofrecendo unha tarxeta de autobús falsa
Unha estafa en Santiago busca roubar ofrecendo unha tarxeta de autobús falsa
Empregan o logotipo de Tussa nunha publicación de Facebook en que piden datos persoais e 2,35 euros a cambio de viaxes gratis durante seis meses
Unha nova estafa ofrece transporte gratuíto para os residentes en Santiago de Compostela a través das redes sociais. Piden datos persoais e non é outra cousa que un engano para asaltar a conta bancaria.
A estafa consiste en utilizar o logotipo de Tussa (a empresa municipal de autobuses de Santiago) a través dun perfil de Facebook onde se oferta unha tarxeta por 2,35 € para viaxar gratis durante seis meses.
Xosé Ramón Mosquera, xerente de Tussa: "Estamos volvendo a insistir e dar avisos á cidadanía. Por un lado que non entren nese perfil falso para evitar problemas cos datos que achegan; e avisar tamén á cidadanía de que non viralicen este tipo de mensaxes para non propagar a expansión da nova. Porque cantas máis visualizacións, máis risco hai de que alguén poida caer nese tipo de estafa".
Ata o de agora, di que recibiron "bastantes chamadas preguntando se realmente esa tarxeta existía", pero non teñen constancia de ningunha persoa que caera na estafa.