Febreiro pecha con máis cotizantes e menos parados, por María Cadaval
Febreiro pecha con máis cotizantes e menos parados, por María Cadaval
Febreiro pecha con 476.000 cotizantes mais e 200.000 parados menos nun ano
Un ano da invasión rusa
Tras un ano da invasión rusa de Ucraína, no que a enerxía se erixiu coma unha arma bélica de primeira magnitude con importantes consecuencias económicas, queda unha forte tensión inflacionaria mais un comportamento do paro menos negativo do agardado, cunha caída de 200.000 persoas en termos interanuais e 2618 persoas paradas máis que en xaneiro, cando se cumpren 365 días da entrada en vigor da reforma laboral que logrou diminuír a temporalidade e aumentar a estabilidade dos contratos.
Niveis récord de afiliados
A cifra de afiliación á Seguridade Social de febreiro acadou niveis récord, 20,17 millóns de afiliados por primeira vez nun mes de febreiro dende que hai rexistros. Tras a desaceleración que se produciu no mes de xaneiro, a actividade comeza a coller forza e nos vindeiros meses poderase testar se esta aceleración se mantén ou, pola contra, volve a ritmos mais modestos. En todo caso, febreiro adoita ser o inicio da temporada alta da creación de emprego, que acada o máximo nos meses de verán para caer a partir do outono.
Niveis de desemprego de 2008
Malia isto, o total de persoas desempregadas sitúase nos 2,91 millóns, o nivel mais baixo dende 2008, pero segue a ser a maior taxa de desemprego da Unión Europea, situada no 13 %, lonxe do 7,1 % de Francia ou o 3 % de Alemaña, mesmo do 7,9 % de Italia ou o 7,1 % de Portugal, malia que o país veciño empeorou nos dous últimos meses. O aumento de parados que se rexistraron en febreiro con respecto a xaneiro non é consecuencia da perda de emprego stricto sensu senón que se debe á incorporación de poboación activa ao mercado laboral, sobre todo persoas do colectivo sen emprego anterior. É dicir, non aumentou o paro por unha destrución de emprego senón porque mais xente se incorporou ao mercado.
Baixan os autónomos
Mención á parte merece o colectivo dos autónomos, tras varios meses de caída. A día de hoxe, hai menos traballadores por conta propia que hai un ano, un -0,1 %, que rompe a tendencia xeral. Son 3.324.313 traballadores non asalariados, co que o emprego autónomo perdeu arredor de 5.000 cotizadores. Este dato cadra no tempo coa entrada en funcionamento do sistema de cotas que gravará os autónomos en función dos seus rendementos netos, en vez da tarifa plana da que desfrutaban ata o de agora. De momento aínda non é posible facer una avaliación causa-efecto real do cambio de normativa e haberá que observar se isto fai desaparecer unha parte do colectivo por non poder aferrarse á cota mínima.
En Galicia
En Galicia a Seguridade Social engadiu mais de 5.000 afiliados, ao tempo que o número de parados descendeu en preto de mil persoas en termos anuais. Porén, o número de afiliados en Galicia situase nos 1.035.824, cun incremento mensual do 0,49 % e do 0,94 % no último ano, lonxe aínda do 2,42 % da media nacional.
Os datos de paro deixan tamén un balance positivo, cunha caída do total de desempregados superior ás 144.000 persoas, cunha caída maior que a media nacional, un 6,74 % fronte a o 6,45 % global. O paro diminuíu en todas as provincias e sectores. Non así no colectivo sen emprego anterior, que medrou. A porcentaxe de contratos indefinidos aproximase ao 40 % e os ERTE vivos, a tempo completo e parcial, apenas chegan aos 1.000.
O colectivo de maior descenso de paro en febreiro foi o dos servizos (-842), tras este, industria (-271), construción e agricultura, por debaixo dun cento.
O dinamismo no eido laboral afasta as sombras de incerteza e mesmo recesión que se chegaron a prever nos últimos meses de 2022. Haberá que seguir con atención os movementos no mes de marzo e, sobre todo, abril para ver se a tendencia se consolida.