Feijóo di que aínda queda "un mes complexo" porque a situación é "preocupante"
Feijóo di que aínda queda "un mes complexo" porque a situación é "preocupante"
O presidente Galicia prevé que o 4 de xaneiro comece a segunda quenda da vacinación infantil
Agarda unha "posición común en toda España" sobre a corentena de contactos de positivos
O presidente da Xunta dixo este sábado que "aínda queda un mes complexo", xa que a situación nestes momentos segue a ser "preocupante" aínda que "hai unha maior tranquilidade" nos hospitais, tanto nas UCI como en planta, malia o aumento diario de contaxios.
Alberto Núñez Feijóo reiterou que ata "principios" da vindeira semana non haberá datos definitivos sobre o comportamento durante a ponte de decembro, momento no que a Xunta analizará de novo a situación de cara ás datas do Nadal.
Lembrou, ademais, que a partir do próximo martes "probablemente" moita xente que vive ou estuda fóra de Galicia volva á comunidade, o que pode introducir un factor de "interacción adicional".
De todos os xeitos, insistiu na capacidade de vacinación e de detección do sistema sanitario galego, que realiza máis de dez mil probas PCR diarias, sinalou.
Vacinación infantil
En declaracións aos medios nun acto en Santiago, o presidente galego salientou que continúa a vacinación infantil cunha alta porcentaxe de participación, en torno ao "87 %", entre a poboación de 11, 10 e unha parte de 9 anos.
Segundo lembrou, as partidas grandes chegarán o 3 de xaneiro e a seguinte semana, unhas 37.000 en cada quenda, co que a partir do 4 de xaneiro comezará a inoculación do colectivo que falta de 9 anos, de 8 e de 7.
O resto inmunizarase co seguinte lote, na segunda semana de xaneiro. Por este motivo Núñez Feijóo pediu máis unidades co obxectivo de poder vacinar o maior número de menores posible antes do inicio das clases. "Se non pode ser o 100 %, pola falta de vacinas, chegariamos ao 85 %", calculou.
Corentenas para contactos
En canto á posibilidade de reinstaurar as corentenas para contactos directos de positivos aínda que teñan vacina, o presidente galego pediu "unha posición común en toda España". Antes de coñecer que o presidente Pedro Sánchez convocara unha Conferencia de presidentes para tratar a sexta vaga, amosou a súa confianza en que se abordase este asunto no vindeiro Consello Interterritorial de Saúde.