Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo e Tellado, elixidos senadores por designación autonómica

Feijóo e Tellado, elixidos senadores por designación autonómica

Ambos renunciaron verbalmente á súa acta ante os membros da Mesa do Parlamento

O líder do PP ocupará o seu asento na cámara alta este mesmo mércores

G24.gal 24/05/2022 08:01 Última actualización 24/05/2022 21:14

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo foi elixido esta tarde como senador por designación autonómica de Galicia con só o apoio do PPdeG e os votos en branco da oposición, que critica esta elección por considerar que supón un uso "partidario" do Senado.

Así, 25 días despois de deixar a Presidencia da Xunta, e menos de dous meses de ser elixido presidente do PP, Feijóo irá á Cámara alta. Mentres, Alfonso Rueda, sentouse por primeira vez no seu escano, o do teléfono vermello, como novo titular da Xunta neste pleno extraordinario.

Xunto con Feijóo tamén foi elixido senador autonómico o ex secretario xeral do PPdeG e actual secretario de Organización Territorial do PP, Miguel Tellado. Ambos son deputados no Parlamento galego, polo que participaron nesta votación, pero xa renunciaron ás súas actas como deputados.

Renuncia das actas de deputados

Finalizada a sesión específica na que foron designados senadores, renunciaron verbalmente á súa acta sen saír do hemiciclo ante os membros da Mesa do Parlamento de Galicia, co xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, á fronte.

Feijóo faino case 17 anos despois de sentar por vez primeira no hemiciclo autonómico, onde entrou despois dos comicios autonómicos de 2005, cando Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta.

As críticas da oposición

Sobre as críticas e a falta de apoio da oposición, Feijóo asegurou que esta é a primeira vez que se rompe o costume parlamentario de votar os senadores propostos por outro partido.

A vicevoceira parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, considerou esta elección dos dous senadores autonómicos como algo "bochornoso e inadmisible" porque supón un "uso partidista" das institucións públicas por parte do PP, que utiliza o Senado como un "voceiro para o partido" e para "librarse" de pagar dous soldos.

Rodil tamén recriminou que se trata de darlle a Feijóo, censado en Madrid e que non vai vivir en Galicia, recriminou Rodil, "un espazo en que pavonearse" ante o Goberno de España e "dar voz" aos intereses do PP.

Para o voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, é un "uso totalmente incorrecto" da figura do senador por designación autonómica, que ten como obxectivo defender os intereses da comunidade autónoma á que representan, algo que "non é o que van facer" Tellado nin Feijóo, quen "só quere un posto no Senado para "confrontar diretamente con Pedro Sánchez".

Rueda estrea o seu novo escano

O pleno extraordinario para a elección dos dous senadores autonómicos, en substitución de Juan Serrano e Elena Muñoz, tamén serviu para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sentara por primeira vez no seu novo escano, o que antes ocupaba Feijóo.

Tras a renuncia de Feijóo e Tellado como deputados ocuparán os seus escanos no Parlamento galego Fernando Pérez e Belén Salido. 

Feijóo tomará asento no Senado este mércores

Mañá mércores, no Pleno do Senado, prometerán o seu cargo e tomará asento no seu escano na cámara alta. Esta designación permitiralle a Feijóo, líder da oposición, enfrontarse cara a cara co presidente do Goberno as veces que este acuda ás sesións plenarias.

O primeiro debate podería producirse o próximo 7 de xuño. Feijóo disporá de despacho no Senado ao ser o xefe da oposición.

O venres o presidente reunirá aos integrantes dos grupos parlamentarios de Congreso, Senado e Parlamento Europeo. Farao no hemiciclo do propio Senado e, ante os representantes nas tres cámaras de representación, fixará as prioridades desta nova etapa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade