Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Por sempre Galicia. Grazas por este honor", di Núñez Feijóo na súa despedida

"Por sempre Galicia. Grazas por este honor", di Núñez Feijóo na súa despedida

"Non importa onde, Galicia sempre", escribiu o presidente da Xunta ao pe da carta de dimisión que lle entrou ao presidente do Parlamento

O Boletín Oficial do Estado publica este sábado o cesamento a petición propia de Feijóo como presidente de Galicia

Núñez Feijóo realizou unha declaración institucional despois de presentar a dimisión (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 29/04/2022 08:56 Última actualización 09:30 30/04/2022

"Galicia, Galicia, Galicia, e por sempre Galicia. Grazas por este honor", foron as últimas palabras do discurso de Alberto Núñez Feijóo logo de presentar a súa dimisión como presidente da Xunta, e tras asegurar que "foi un orgullo servir a Galicia".

O presidente da Xunta, que entrará en funcións cando a súa renuncia se faga oficial ao publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE), reuniu o Consello da Xunta, nunha reunión extraordinaria, logo de entregar a súa dimisión ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Na declaración institucional posterior, Feijóo despediuse dos galegos cunha mestura, dixo, de tristura e satisfacción. Afirmou que nunca gobernou con vaidade e que cada obra que impulsaba era de todos os galegos.

"De Galicia aprendín que gobernar consiste en dialogar"

"Son e seguirei sendo sempre un discípulo de Galicia. Foi a miña mestra e dela aprendín que gobernar consiste en dialogar", subliñou durante a súa mensaxe de despedida no Pazo de Raxoi, onde o acompañaron os seus conselleiros e vicepresidentes.

Emocionado, Feijóo dixo que marcha coa satisfacción do deber cumprido. Fixo balance dos seus trece anos á fronte do Goberno galego que comezaron nun momento de crise financeira e finalizan noutro momento económico complicado. 

Malia a isto, o presidente da Xunta dixo que "podemos sentirnos orgullosos todos" do que se fixo nestes anos. "Por enriba dos erros e dos acertos, os intereses xerais desta terra foron para min principio e final", afirmou.

Agradecementos

No momento da despedida, quixo ter un agradecemento a quen o acompañou nas tarefas de goberno. Tivo nese momento do discurso un especial recordo para o finado Valeriano Martínez, quen foi conselleiro de Facenda. E tamén enviou un agradecemento a todos os traballadores públicos, medios de comunicación e os membros dos partidos da oposición.

Por último, a súa familia e seres queridos foron obxecto dunha gratitude especial "por apoiarme en todo momento e pola súa comprensión", afirmou.

Feijóo saúda aos seus vicepresidentes Rueda e Conde tras finalizar o seu discurso (EFE/Lavandeira jr) Feijóo saúda aos seus vicepresidentes Rueda e Conde tras finalizar o seu discurso (EFE/Lavandeira jr)

Asegurou que Galicia lle ensinou a admirar un pobo educado na tolerancia e que gobernar consiste en dialogar. Dixo Núñez Feijóo, que "nunca" concibira "pronunciar estas palabras de renuncia" nestas circunstancias. "Pero tampouco cheguei a imaxinar que a política en España, o servizo público, o interese xeral, ía ser refén durante tanto tempo da frivolidade, da popularización e do populismo que se instalou", contextualizou.  

Trasladar á política española o feito en Galicia

E por iso, na súa despedida institucional, na que puxo fin á súa "andaina" xunto á Praza do Obradoiro, lugar que é "meta" e onde "conflúen" os camiños pero tamén é lugar de "comezo", proclamou: "Non quero nin podo compartir a premisa de que no conxunto de España é imposible o que si foi posible en Galicia", comunidade que gobernou 13 anos tras lograr catro maiorías absolutas consecutivas desde 2009.  

A moderación e unidade das que fixo gala Galicia nestes anos, reivindicou, é o que quere trasladar á política española. Feijóo, que salientou no seu discurso a "Galicia cordial segue en pé" e "afastada de nacionalismos intransixentes" e "centralismos doutros tempos", tamén puxo como exemplo, nas súas palabras, unha Galicia "sen trincheiras": "Teño fe en que o conxunto de España tamén volva facelo".  

O presidente da Xunta tamén incidiu en que Galicia é unha proba dunha España das autonomías que "lonxe de desvertebrar" o Estado, "axuda a cosela". Non en balde, nas súas palabras manifestou estar "orgulloso dun pobo que rexeitou a fragmentación".

Entrega da renuncia no Parlamento

Previamente Núñez Feijóo presentara a súa renuncia ante o xefe do lexislativo galego, Miguel Santalices, case un mes despois de converterse no novo líder do Partido Popular

Posteriormente os dous mantiveron unha xuntanza no despacho do presidente do Parlamento, logo de que o presidente da Xunta lle entregase ante os medios gráficos a súa carta de renuncia.

Momento da entrega a Miguel Santalices da carta de dimisión de Feijóo (EFE/Lavandeira jr) Momento da entrega a Miguel Santalices da carta de dimisión de Feijóo (EFE/Lavandeira jr)

Núñez Feijóo acudiu a este encontro con Miguel Santalices "emocionado e tranquilo", segundo dixo, para presentar a dimisión e iniciar o proceso para a súa remuda na presidencia da Xunta. 

"Se non te emocionas nestes momentos non te emocionas nunca", engadiu a preguntas dos xornalistas.

No momento de entregar esa carta de dimisión Feijóo chanceaba con que tiña que ser a "un de Ourense, porque saben ler entre liñas".

A carta oficial que entregou finaliza cunha parte manuscrita na que Feijóo di: "Grazas, moitas grazas a todos os galegos por darme a honra de servir a terra nai. Non importa onde, Galicia sempre", antes da súa sinatura.

No escrito lembra que aínda que as novas responsabilidades públicas que asume "non son incompatibles" coa titularidade do Goberno autonómico, considera que o cargo de presidente da Xunta e "ostentar a representación ordinaria do Estado na comunidade merece unha dedicación absoluta".

E "desa conciencia xorde a decisión de deixar o cargo que durante 13 anos exercín coa maior entrega responsabilidade e lealdade", engade.

"Nunca poderei esquecer a confianza depositada en min nin devolver o agarimo que recibín de Galicia nestes anos", conclúe a parte mecanografada desta misiva, na que traslada "formalmente" a Santalices a súa renuncia e pídelle que inicie "os trámites oportunos ao obxecto de proceder ao cesamento".

Ábrese o proceso para a sucesión

Tras a dimisión de Feijóo o Goberno da Xunta quedará en funcións, limitado a cuestións de trámite, ata que tome posesión o que será o seu sucesor, o vicepresidente primeiro Alfonso Rueda.

A próxima semana o presidente do Parlamento chamará a consultas os voceiros dos tres grupos parlamentarios e convocará o pleno para votar a sucesión antes de mediados de maio.

En paralelo, Rueda tamén formalizou os avais para liderar o PP galego, unha cifra récord, máis de 7.000 apoios á súa candidatura, que leva o lema "Galicia, o camiño a seguir". Rueda aposta por continuar co modelo marcado por Feijóo, pero di que terá o seu propio estilo.

Alberto Núñez Feijóo estivo 13 anos á fronte da Xunta. É o quinto presidente que ten Galicia e o primeiro que renuncia ao cargo

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade