Publicador de contidos
Publicador de contidos

Felipe González pide preservar a convivencia no 40 aniversario do seu triunfo electoral

Felipe González pide preservar a convivencia no 40 aniversario do seu triunfo electoral

No aniversario das eleccións de outubro de 1982, Pedro Sánchez destacou que significaron a afirmación do estado de benestar e da igualdade.

Felipe González afirmou que "a convivencia é un tesouro" daquela e agora, e que en 1982 o obxectivo era ampliar os dereitos sociais e modernizar o país

G24.gal 29/10/2022 14:54 Última actualización 29/10/2022 15:11

Posta en escena con revival musical e imaxes para a nostalxia. O corenta aniversario do triunfo electoral do PSOE e Felipe González o 28 de outubro de 1982 foi unha viaxe ao pasado con proxección cara ao presente. Pedro Sánchez dixo que as metas actuais do socialismo seguen sendo basicamente as mesmas ca as daquel tempo:

"Os salarios dignos, as pensións dignas, un estado de benestar forte, con servizos públicos, gratuítos universais e de calidade. E tamén, loxicamente, impúlsannos novas metas renovadas como dicía a presidenta do partido socialista, Cristina Narbona: a igualdade real, efectiva, entre homes e mulleres".

Felipe González rememorou aquel triunfo electoral de récord, nesta ocasións sen a presenza de Alfonso Guerra. Explicou que, entre a pinza do golpismo e da ETA, tentaron modernizar España coa universalización da sanidade, da educación e a entrada na Unión Europea. Para as novas xeracións deixou unha mensaxe:

 "A condición necesaria para todas as demais aspiracións é que a convivencia non nos leve ás andadas do século XIX e do século XX. Non. Temos que preservar como un tesouro a convivencia".

Nesa liña, Felipe González incidiu en que naquel 1982 o obxectivo principal, por enriba de calquera outro, era garantir a convivencia entre españois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade