Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fer López, mellor xogador de febreiro: "En 1ª Fed. tiña un segundo máis para pensar"

Fer López, mellor xogador de febreiro: "En 1ª Fed. tiña un segundo máis para pensar"

O Celta afronta un mes de marzo moi ilusionante no que esperan manter a boa dinámica, “teño plena confianza no equipo“

Foto Celta
G24.gal 06/03/2025 13:22 Última actualización 06/03/2025 13:35

Fer López foi recoñecido por primeira vez co premio MVP Estrella Galicia do mes de febreiro, galardón que o distingue como o mellor xogador do R. C. Celta durante o último mes. A afección celeste foi a encargada de elixilo mediante votación, na que se impuxo aos seus compañeiros Pablo Durán e Iago Aspas, consolidando así o seu gran momento de forma.

“Quero agradecer á afección porque o seu apoio é espectacular“, expresou Fer tras recibir o premio, mostrando a súa gratitude cara ao celtismo. Ademais, quixo resaltar o valor do esforzo colectivo, recoñecendo a importancia do apoio dos seus compañeiros e do corpo técnico, tanto do primeiro equipo como do filial, que “me axudaron a ser a persoa que son hoxe en día“.

Desde o seu debut en LaLiga o pasado decembro ante o Mallorca F. C., o xogador vigués suma xa sete partidos co primeiro equipologrando mesmo dúas titularidades consecutivas. Consciente da esixencia da competición, recoñece que “se nota moito o cambio, pero cada vez me estou facendo máis ao ritmo de Primeira División“.

"En 1ª Fed. tiña un segundo máis para pensar, aquí hai que ter todo pensado antes de que chegue o balón", recoñece.

Febreiro foi un mes moi positivo para o Celta, con momentos épicos como a remontada ante o Real Betis en Abanca Balaídos. Un encontro no que o media punta, tras saltar ao terreo de xogo na segunda parte, foi determinante na reacción celeste.

Díxenlle a Williot antes de entrar ao campo que a iamos lear e, por sorte, así foi“, lembra.

Por suposto, o idilio coa afección foi clave, “cando Fran meteu o primeiro e a afección se entregou connosco, tiña clarísimo que iamos remontar“.

Por outra banda, febreiro foi un mes no que toda a familia celeste tivo que dicir adeus á Bancada de Gol. Un momento moi emotivo do que Fer recoñece que “foi moi bonito poder despedirnos desa bancada histórica cunha vitoria”.

Agora o Celta afronta un mes de marzo moi ilusionante no que esperan manter a boa dinámica, “teño plena confianza no equipo“, afirma consciente de que poderán plantarlle cara a calquera rival.

Por último, o canteirán destaca o importantísimo papel que xoga o celtismo en cada partido mesmo lonxe de Balaídos, “noutros estadios escóitase moitísimo a afección celeste e é algo do que te sentes moi orgulloso“.

Fer López atópase nun moi bo momento deportivo, demostrando o seu talento cada vez que salta ao terreo de xogo e facendo gozar a todos os que temos a fortuna de velo cumprir o soño da súa vida cada fin de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade